Hvalfjörður

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Hvalfjörður
Vista do Botnsdalur desde o Hvalfjörður
Vista desde o Botnsdalur do Hvalfjörður

Hvalfjörður (en islandés, "Fiorde das baleas") está situado no oeste de Islandia entre Mosfellsbær e Akranes. O fiorde ten uns 30 km de longo e uns 5 km de ancho.

Historia[editar | editar a fonte]

O nome de Hvalfjörður provén do grande número de baleas que se podían atopar e capturar aquí. Ata a década de 1980, unha das maiores baleeiras de Islandia estivo neste fiorde. Antigamente este fiorde tamén tiña abondosas pesquerías de arenques.

Durante a II Guerra Mundial, unha base naval das armadas británica e norteamericana estivo situada neste fiorde. Un dos peiraos construído pola armada dos Estados Unidos foi posteriormente usado pola compañía baleeira Hvalur, ata que a caza comercial de baleas foi suspendida na década de 1980.

Ata finais da década de 1990, aqueles que viaxaban en coche tiñan que facer un longo rodeo de 62 km bordeando o fiorde pola hringvegur (estrada nº 1), para poder chegar á cidade de Borgarnes desde Reiquiavik. En 1998 o túnel de Hvalfjörður ou Hvalfjarðargöngin, que acurta a viaxe considerablemente, foi aberto ao transito. O túnel ten aproximadamente 5.762 m de lonxitude, e aforra unha hora de viaxe en coche a respecto de bordear o fiorde. O túnel discorre a unha profundidade de 165 m baixo do nivel do mar.

Pola contra, os viaxeiros que usen o túnel perderán unha bonita vista de Islandia, a parte interior do fiorde mostra unha interesante mestura de montañas volcánicas e vexetación verde no verán. En Botnsá por exemplo vense Lupinus, diversas clases doutras flores e visgos, así como pequenos bosques de bidueiros e coníferas. A área constitúe un bo exemplo de reforestación, un proxecto no que está Islandia desde hai bastantes anos.

Unha rota de sendeirismo a Glymur, a fervenza de Islandia máis alta, comeza no fondo do fiorde.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]