Homoioi

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

En Esparta os hómoioi ("iguais") recibían esta denominación en razón da súa teórica uniformidade social e económica. Son espartiatas os homes maiores de 30 anos que gozan dos seus dereitos, é dicir, os que constitúen o corpo cívico da cidade, politeuma. É un espartiata que pasou a agogé e non perdeu os seus dereitos por perder o seu kleros, mostrar covardía, cometer delitos ou non contribuír nas sisitías. O número de “iguais” foi descendendo desde o século -VIII, fenómeno coñecido como oligantropía.

Nun principio, segundo Plutarco, Licurgo repartiu as terras entre 9.000 espartiatas. No período clásico a cifra redúcese a 8.000. En plena Guerra do Peloponeso vemos que diminuíu o número de forma significativa ata chegar apenas aos 2.000. Finalmente trala Batalla de Leuctra atopámonos cun número moi escaso, ao redor de 1.000. A oligantropía foi debida á alta mortaldade derivada da situación constante de guerra, o sismo do 464, homosexualidade estendida, matrimonios tardíos, euxenesia e endogamia. Para rematar é moi importante ter en conta que trala Guerra do Peloponeso enriquécense uns poucos a costa do empobrecemento xeral, que irán perdendo a cidadanía ao ter que vender as súas terras. Inténtase outorgar privilexios aos espartiatas con máis de tres fillos.

Os espartiatas convertidos en homoioi posuían un kléros, lote de terras, e uns hilotas proporcionados polo Estado. Así cada homoios ten tempo libre para se exercitar no ximnasio e ir de caza. Vestían con sobriedade e modestia, sen adorno algún. Era característico o seu peiteado, unha longa cabeleira, signo da súa condición de liberdade. As mulleres e os nenos debían levalo curto. Tamén era costume levar barba pero rasurarse o bigote. No campo de batalla visten capas púrpuras (stolaí phoinikídes) que provocaban pavor no inimigo. Un rito antes de empezar a batalla era untarse o corpo en aceite e lustrar as súas armas á vez que peiteaban coidadosamente o seu pelo.

Non se gravaban os nomes nas tumbas para destacar a uniformidade social. Pese a esta fachada de pseudocomunismo, as diferenzas existían, simplemente con ver os aristócratas chamados kaloikagathoí (“os belos e bos”) elixidos para a Xerusía. Tamén se distinguen aqueles que demostraron a súa valentía no campo de batalla ou a súa excelencia nas competicións atléticas. Outra subclase social dentro dos homoioi é a dos chamados hippeis, garda real, que non ten nada que ver coa súa tradución como cabaleiros.

Cando o homoios morre, o seu kléros pasa aos fillos e fillas en calidade igual entre fillos e a metade ás femias. Por esta razón, e por apareceren espidas, recibiren formación filosófica e exercitárense nos ximnasios, os gregos vían escandalizados esta inhabitual liberdade. Pero para Esparta a muller era ante todo a que debía procrear homes fortes; ata tal punto considéraa esencial que a súa morte no parto ten o mesmo significado que a kalòs thánatos ou morte heroica en combate.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Fornis Vaquero, César. Esparta: historia, sociedad y cultura de un mito historiográfico. Barcelona: Crítica, 2003. ISBN 84-8432-413-3.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

  • Homoioi, Laura Sancho Rocher, Universidade de Zaragoza.