Historia urbana de San Francisco

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A historia de San Francisco comeza a finais do século XVIII, coa chegada dos europeos a California.

Misión e presidio, colonia española[editar | editar a fonte]

En 1776, os españois que reclamaran sete anos antes para a coroa a baía que atoparan, levantan un forte a carón do estreito de entrada de aquela (e que co tempo se chamará Golden Gate, na beira sur, no extremo da península [1]), para defendela e servir de apoio a misión fundada ao mesmo tempo a uns quilómetros ao sur, a Misión de San Francisco de Asís [2]. No forte construirase de seguido un Presidio que lle dará nome, e ao redor da misión, coñecida popularmente coma Misión Dolores pola proximidade a un arroio homónimo, aparece un pequeno asentamento [3].

Nada, excepto a existencia dun posible asentamento ruso de trampeiros e mariños en Russian Hill no cambio de centuria, é destacábel ata a independencia do territorio da coroa española en 1821, pasando a estaren baixo soberanía mexicana.

Yerba Buena[editar | editar a fonte]

Portsmouth Square en 1851.

A primeira planta urbana no lugar foi a elaborada por William Richardson e Francisco de Haro (primeiro alcalde) en 1835, para aproveitar un fondeadoiro na baía ao nordeste da misión e sueste do presidio [4][5][6]. Recibiu o nome de Yerba Buena e correspóndese co actual downtown de San Francisco. O centro da vila era a Praza (actual Portsmouth Square).

San Francisco e a "febre do ouro"[editar | editar a fonte]

En 1846 Yerba Buena pasou a mans dos Estados Unidos, e o ano seguinte nomeárona San Francisco. Pero foi 1848 o ano crucial para a historia da cidade ao descubrirse ouro no traspaís (montañas de Serra Nevada). Nos anos seguintes a coñecida coma Gold Rush (febre do ouro) de California multiplicou por vinte e cinco a poboación de San Francisco (de pouca mais de mil a 25.000 en 1849), comezando unha dinámica de inmigración masiva que a converteu en cosmopolita (moitos chineses que deron lugar á chinatown máis xenuína), e facendo do seu porto un heteroxéneo punto de tránsito.

A expansión urbana que foi precisa levouse a cabo ampliando a malla de Yerba Buena ata o presidio e a misión [7] sen reparar na ondulada xeografía do lugar. De aí a singular pendente característica das rúas da cidade [8]. A unión coa misión fíxose a través da rúa Market, avenida fundamental da cidade que en diagonal parte do peirao do porto e o centro ata o primitivo pobo colonial español, deixando polo medio o edificio do concello [9]. Asemade, de seguido procedeuse ao recheo das enseadas tanto da misión coma de Yerba Buena e así gañar terreos para a cidade e profundidade para o porto.

A riqueza xerada reflectiuse axiña na proliferación de bancos, empresas (Levi Strauss), e a construción de luxosas mansións. Polo mesmo, en 1869 foi capaz de reclamarse coma estación término do primeiro ferrocarril transcontinental. Pouco despois, en 1873 deséñase un tranvía de cremalleira capaz de subir as pendentes das rúas.

Por eses anos, os burgueses queren para a súa cidade un parque coma o Central Park neoiorquino. Entre 1870 e fin de século lévase adiante o arranxo do Golden Gate Park, que perseguía tamén coma intención oculta a expansión urbana ata o Pacífico.

Para o cambio de século era xa unha importante cidade que mostraba, mesmo ostentosamente, a súa puxanza coma centro comercial e de transporte, financeiro, de negocios e cultural.

O gran terremoto de 1906[editar | editar a fonte]

Todo aquilo quedou destruído polo catastrófico tremor e posterior incendio de 1906 [10][11]. A reconstrución foi rápida sacrificando a posibilidade de reconsiderar a primitiva trama urbana. De feito, en 1905 o afamado arquitecto e urbanista Daniel Burnham presentara un plan para converter a San Francisco no París do oeste [12]. Só se cumpriron anacos do plan tralo terremoto. Así a idea dun centro cívico ao redor do novo concello con ópera, auditorio, museos e biblioteca [13]; a dunha liña de metro baixo Market Street, ou a da un monumento culminando Telegraph Hill.

A Exposición Internacional de Panamá e o Pacífico de 1915 en terreos próximos ao Presidio, supuxo a posta de largo da cidade reconstruída, inda que ao mesmo tempo significara o comezo dun declinar como principal porto da costa oeste en beneficio de Oakland na outra beira da baía, e Os Ánxeles [14]. Pero a cidade continuou crecendo apoiada no seu forte sector financeiro. De feito, ningún dos seus bancos crebou durante a gran depresión de 1929.

Ao contrario, a aposta pública subseguinte polas infraestruturas para saír da crise (o new deal) supuxo para San Francisco a construción de dúas grandes pontes: unha sobre a baía, comunicando a cidade con Oakland [15]; e a outra, todo un colosal símbolo da metrópole, a ponte Golden Gate (1937) [16].

San Francisco Bay aerial view.jpg

Capital da contracultura[editar | editar a fonte]

Trala segunda guerra mundial, unha cidade xa "rematada" debido a súa reducida superficie municipal, estende o seu área metropolitana ao redor da baía. No sociocultural, converteuse en centro mundial da contracultura: xeración beat nos cincuenta, movemento hippie nos sesenta, liberación homosexual nos setenta. No urbano, tras unha forte polémica, prodúcese a manhatanización do distrito financeiro (downtown), coa construción de rañaceos. En concreto a torre de silueta máis característica de San Francisco, a pirámide Transamérica (1972), é obra dun arquitecto de devanceiros galegos, William Pereira.

Nos últimos decenios, no seu área metropolitana (Silicon Valley, Palo Alto, Stanford) produciuse a explosión das industrias relacionadas coa alta tecnoloxía: dixital, informática, software, internet; dando novo pulo a metrópole.

Notas[editar | editar a fonte]