Historia urbana de Bogotá

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Bogotá é unha cidade fundada polo conquistador español Gonzalo Jiménez de Quesada o 6 de agosto de 1538, nomeouna Santa Fé de Bogotá segundo o nome do seu lugar de nacemento, Santa Fé na provincia de Granada.

De centro indíxena a capital[editar | editar a fonte]

Era o centro da civilización dos indíxenas Chibcha, que a chamaban Bacatá antes da conquista española e protexía unha importante poboación. Despois da independencia de Colombia e a fundación da Gran Colombia en 1819, Bogotá vólvese a súa capital.

Época colonial[editar | editar a fonte]

Dende 1200 existía a Confederación Muisca, o pobo indíxena máis importante da familia chibcha, da que o Zipa de Bacatá era o líder meridional. Asentábanse na sabana bogotana (Val dos Alcázares) en aldeas agrícolas cuxa capital era a antedita Bacatá (en Funza, 10km ao noroeste da cidade actual; Chía, 15km ao norte, era o centro cerimonial).

En 1538, trala conquista do territorio, o español Gonzalo Jiménez de Quesada funda no lugar da residencia de verán do Zipa, no somonte da Cordilleira Oriental dos Andes, unha poboación que chama Nuestra Señora de la Esperanza que un ano máis tarde, na fundación xurídica da cidade, renoméase coma Santafé ou Santa Fe. Eran unha ducia de cabanas cunha igrexa (seica no lugar da actual praza Chorro de Quevedo (vello Teusaquillo); ou ben na Praza da Herba, hoxe parque Santander) [1]. Dende entón convivirían por tres séculos a poboación de indios Bacatá e a fundación colonial de Santafé.

En 1550 créase a Audiencia del Nuevo Reino de Granada da que Santafé é elixida capital. En 1553 a Praza Maior móvese cara ao sur, á situación actual (Praza Bolívar) e comeza no lado leste a construción da Catedral, e o Cabido e a Real Audiencia nos outros laterais. A trama urbana é a usual do urbanismo colonial español: cuadras de cen por cen metros formadas por rúas leste-oeste de sete metros e carreiras norte-sur de dez [2]. A rúa que comunicaba a nova Praza Maior coa primitiva era a Calle Real (hoxe Carreira Sétima) arteria principal da cidade.

Deseguido o crecemento foi rápido. As ordes relixiosas (franciscanos, dominicos) constrúen os seus conventos e igrexas. Despois, da súa man, as universidades. A sona da urbe como centro da cultura e as artes comezaba a asentarse.

Virreinato[editar | editar a fonte]

En 1739 créase o virreinato de Nova Granada con Santafé coma capital [3], [4]. A cidade crece coa inmigración dende o campo de continxentes de poboación indíxena. Como últimas actuacións da colonia cabe sinalar as alamedas, a vella paralela ao eixo dominante no norte, e a nova, perpendicular a aquéla e saída occidental da cidade.

Independencia[editar | editar a fonte]

O século XIX e a independencia seguen a favorecer o crecemento, primeiro coma capital da Gran Colombia de Simón Bolívar e despois da República Colombiana, da renomeada Bogotá, fundamentalmente cara ao norte na prolongación do vello eixo da Carreira Sétima [5]. Chapinero é o primeiro suburbio a 5km. O tranvía e o ferrocarril (1881) facilitarán no século XX ese desenvolvemento [6], [7].

Notas[editar | editar a fonte]