Hexakosioihexekontahexafobia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
O número da besta, William Blake.

A hexakosioihexekontahexafobia (abreviado como trihexafobia) é o medo irracional ao número 666. Defínese como o rexeitamento a calquera situación ou aspecto que poida ter relación, de maneira directa ou indirecta, con este número.

Orixe[editar | editar a fonte]

Ten a súa orixe na Biblia, no libro da Apocalipse (capítulo 13, versículo 18), onde se indica que o 666 é o número da marca da besta. A fobia estendeuse mesmo entre persoas non cristiás, e popularizouse aínda máis pola presenza deste número no cinema de terror. Malia isto, o 666 só se describe en tres ocasións como «número do mal» na Biblia.

Manifestacións da fobia[editar | editar a fonte]

As persoas con esta fobia evitan todo o relacionado co 666. Tamén tentan evitalo como produto de relacións entre outros números, aínda que este feito dáse con menor frecuencia, en casos extremos. Por exemplo, a fracción 2/3 ten un decimal periódico puro de 666. Alén, consideran unha desgraza obter 3 seises nunha man de póker, malia tratarse, polo xeral, dunha man moi boa. Igualmente consideraron o 6 de xuño de 2006 (6-6-06) como un día fatal.

Controversia[editar | editar a fonte]

Cómpre sinalar que esta fobia é, en gran parte, unha cuestión do cristianismo popular. Na actualidade, a teoloxía maioritariamente considera que o número era simplemente unha referencia a un emperador romano que perseguiu o cristianismo. Algunhas teorías sinalan a Domiciano, mentres que outras apuntan cara Nerón, malia ser menos probábel. De calquera xeito, postúlase que uso deste número tratábase dun código para referirse ao seu nome, ou mesmo que o emperador puido favorecer ese número por razóns numerolóxicas. Nalgunhas numeroloxías, o 666 podería simbolizar unha trindade de traizón, amargura e vinganza, mentres que noutras representaría a harmonía, a beleza e o encanto.

Tamén é posíbel que sexa consecuencia de que o xudaísmo consideraba o 7 como o número perfecto. O 6 sería, daquela, o número da imperfección, polo que o 666 significaría "tres veces imperfecto".

Cábala[editar | editar a fonte]

Este número, segundo a Cábala, ten relación co emperador romano Nerón, cuxo nome (segundo esta crenza) é o resultado da suma dos valores de cada letra nesta tradición.

Casos de hexakosioihexekontahexafobia[editar | editar a fonte]

Entre os casos máis coñecidos atópase o de Ronald Reagan e a súa esposa, Nancy Reagan. En 1989, ao mudárense ao sector de Bel Air, na cidade estadounidense de Los Angeles, cambiaron o seu enderezo de 666 St. Cloud Road a 668. O residente anterior, Johnny Carson, non debía padecer dita fobia, pois nunca modificou o número. Como curiosidade, o nome completo deste persoeiro (Ronald Wilson Reagan) contén tres palabras de seis letras.[1]

O 6 de xuño de 2006 (06/06/06 no calendario gregoriano), a comunidade evanxélica Ambassadors Ministries dos Países Baixos realizou unha vixilia de 24 horas para escorrentar os «malos espíritos». O maratón de rezo comezou en Xerusalén.[2]

A finais da década de 1990, a empresa telefónica estatal da República de Honduras decidiu cambiar os números telefónicos de seis a sete díxitos; o prefixo 666 correspondeu á cidade de El Progreso, no departamento de Yoro. A poboación desta cidade, de maioría católica, mobilizouse para trocar o prefixo por consideralo maligno. Amais, dende outras cidades do país facían burla deste feito. Finalmente, a empresa telefónica cambiou o prefixo a 668.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "THE REAGANS: First Family Easing Into Private Life", Los Angeles Times, Nov. 19, 1988
  2. Prayer vigil targets Devil's Day BBC News. Monday, 5 June 2006, Accessed 21 September 2007