Experimentos de Hershey-Chase

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Esquema explicativo do experimento.

Os experimentos de Hershey-Chase foron unha serie de experimentos levados a cabo en 1952 por Alfred Hershey e Martha Chase, onde se confrimaba que o ADN era o material xenético, algo que xa demostrara en 1944 o experimento de Avery-MacLeod-McCarty. Aínda que os biólogos xa coñecían a existencia do ADN dende 1869, naquela altura de mediados do século XX a maioría aínda consideraba que eran as proteínas as responsábeis de transportar a información hereditaria.

Hershey e Chase fixeron os seus experimentos no bacteriófago T2, un virus ao que se lle identificara a estrutura recentemente grazas ao microscopio electrónico. O bacteriófago consiste nunha soa cuberta proteica ou cápside que contén o material xenético, e infecta unha bacteria cando se adhire á súa membrana externa, inxecta o material e lle deixa acoplada a cápside. Como consecuencia, o sistema xenético da bacteria reproduce o virus.

Nun primeiro experimento, marcaron o ADN dos bacteriófagos co isótopo radioactivo fósforo-32 (P-32). O ADN contén fósforo, a diferenza dos 20 aminoácidos que forman as proteínas. Deixaron que os bacteriófagos infectasen as bacterias Escherichia coli e posteriormente retiraron as cubertas proteicas das células infectadas mediante unha licuadora e unha centrifugadora. Con iso descubriron que o indicador radioactivo era visible só nas células bacterianas, e non nas cubertas proteicas.

Nun segundo experimento, marcaron os bacteriófagos co isótopo xofre-35 (S-35). Os aminoácidos cisteína e metionina conteñen xofre, a diferencia do ADN. Trala separación, acharon que o indicador estaba presente nas cubertas proteicas, pero non nas bacterias infectadas, co que se confirmou que é o material xenético o que infecta as bacterias (véxase tamén o experimento de Griffith).

Hershey recibiu o Premio Nobel de Medicina en 1969, compartido con Max Delbrück e Salvador Luria, polos seus descubrimentos en relación coa estrutura xenética dos virus.