Euskaltzaindia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Sede central en Bilbao.

A Euskaltzaindia ou Real Academia da Lingua Vasca é unha institución cultural que ten como obxectivo velar pola lingua vasca, fundada no ano 1919, recoñecida desde 1976 polo Estado español[1], baixo a denominación de Real Academia. A Euskaltzaindia foi impulsada, do mesmo xeito que a Sociedade de Estudos Vascos (Eusko Ikaskuntza), polas catro deputacións vasco-navarras, para coidar e normalizar o uso do idioma vasco, así como o seu estudo filolóxico e etimolóxico.

O seu emblema é un carballo, acompañado da lenda Ekin eta jarrai ("Empezar e seguir"). O número de académicos é 23.

Dispón de varias comisións de traballo que se especializan en diferentes tarefas, estas comisións son as seguintes:

  • Comisión de lexicografía, actualmente traballa nun Dicionario Xeral Vasco de carácter xeral e descritivo que integra contido histórico e de dialectos. E nun Dicionario Léxico Unificado que é normativo e só contempla o éuscaro batúa ou éuscaro unificado.
  • Comisión de gramática, desde 1980, encargada das bases da gramática do idioma vasco.
  • Comisión para o atlas lingüístico, o seu traballo é realizar un mapa dialectolóxico para coñecer os dialectos que se falan nos diferentes puntos de Euskal Herria.
  • Comisión onomástica, estuda aspectos máis teóricos e históricos deste idioma.
  • Comisión de literatura, analiza a literatura popular así como a literatura máis intelectual do éuscaro.
  • Comisión de lingua falada, encárgase de realizar un estudo sobre os usos orais da lingua.

Oficialmente esta institución conseguiu o recoñecemento oficial en España, con carácter de Real Academia, en 1976, un ano despois do final da ditadura de Francisco Franco. En Francia é aceptada como unha entidade de utilidade pública desde o ano 1995.

Esta Academia ten a súa sede en Bilbao pero conta con delegacións en Baiona, Donostia e Vitoria.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]