Euphydryas aurinia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Euphydryas aurinia
Euphydryas aurinia, no norte de Portugal
Euphydryas aurinia, no norte de Portugal
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Arthropoda
Clase: Insecta
Orde: Lepidoptera
Familia: Nymphalidae
Xénero: 'Euphydryas'
Especie: ''E. aurinia''
Nome binomial
''Euphydryas aurinia''
(Rottemburg, 1775)

A Euphydryas aurinia é unha especie de bolboreta da familia das Nymphalidae, bastante común en Galicia.

Descrición física[editar | editar a fonte]

A Euphydryas aurinia é unha bolboreta de tamaño medio, de entre 30 e 46 mm. O seu padrón de debuxo alar durante a fase de imago varía considerabelmente duns individuos a outros, e ao mesmo tempo mantén semellanzas con outros individuos do xénero Euphydryas, como a maturna ou a desfontainii. Nel alternan as manchas amarelas, laranxas, marróns e negras, cun dentado branco na parte inferior e unha serie de celas punteadas en sentido horizontal nas ás posteriores. Polo envés, as ás teñen modelos en amarelo e negro, sen presenza de cor prata.

O seu comportamento social derivou na formación de diversas subespecies (ata 34 só en Europa) e razas locais con modelos alares distintos.

Na súa fase larvaria son negras e pilosas, e adoitan facer comunidade e adoptar comportamentos sociais. A presenza de varias larvas xuntas axúdaas a manter a calor durante o proceso de dixestión (ao redor dos 35 °C)

Hábitat[editar | editar a fonte]

A súa fase de imago correspóndese co tempo que vai de mediados de abril a mediados de xullo, se ben debido á ampla distribución xeográfica desta bolboreta o seu período de presenza pode variar bastante duns lugares a outros. É larva de xuño a abril, e ao redor de abril ten catro semanas de estado como pupa.

Atópase en toda Galicia, en toda a Península Ibérica e na maior parte do continente euroasiático dende Fisterra a Vladivostok, agás nas zonas máis setentrionais e frías e nas máis mediterráneas e cálidas. Non se atopa en altitudes superiores aos 2.200 m. Malia a súa extensión, considérase unha especie en retroceso en Europa, e ten nas illas Británicas e na Península Ibérica os seus maiores reservorios.

Viven en distintos tipos de terreo, principalmente praderías, e ten predileción polas plantas Succisa pratensis, a escabiosa ou a Scabiosa columbaria.