Escudo de Groenlandia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O escudo de Groenlandia é un dos símbolos oficiais de Groenlandia, un territorio dependente de Dinamarca.

Descrición[editar | editar a fonte]

Escudo de Groenlandia

O seu deseño consiste nun escudo azul cun oso polar de prata. Este símbolo foi orixinalmente introducido no escudo de Dinamarca en 1666 e aínda é representado nas armas da familia real Danesa. No contexto dinamarqués, o oso aparecía desprazándose, mais en 1819 foi especificado cunha posición erecta. O London Roll de 1470 mostra un escudo coa lenda Le Roi de Greneland constituídas por un escudo cun oso polar rodeado por tres aves. Este título real non reflectía ningunha posición oficial, só pretendía mostrar que as armas podían ser usadas por quenquera que controlase Groenlandia.

A versión actualmente usada polo goberno foi concibida polo artista groenlandés Jens Rosing e adoptada a 1 de maio de 1989 polo parlamento de Groenlandia. O oso polar simboliza a fauna do país e a cor azul os Océanos Atlántico e Ártico que bañan a illa. En vez da versión Danesa das armas reais que seguen a tradición heráldica de levantar a pata dereita, o oso polar do escudo groenlandés levanta a pata esquerda, debido á crenza Inuit de que os osos polares son zurdos. Un escudo semellante é usado polo representante oficial do goberno danés en Groenlandia. Neste caso, o oso levanta a pata dereita e o escudo preséntase coroado coa coroa real. Dinamarca non especifica oficialmente cal pata é levantada, por iso, non hai conflito entre versións diverxentes. Os adeptos da total independencia de Groenlandia usan un fondo verde.

Historia[editar | editar a fonte]

O oso polar foi primeiramente incluído como símbolo da Groenlandia no escudo de Dinamarca durante o reinado do Rei Federico III, mais nunca foi amplamente utilizado até principios do século XX. En xullo de 1905 selos de encomendas postais co escudo entraron en circulación; os selos, emitidos en Dinamarca, tiñan como motivo central este emblema. En 1938, todo o servizo postal de Groenlandia foi substituído polo Servizo Postal Real Danés. Os primeiros selos contiñan o Rei Danés Cristián X en vez conter elementos suxeridos polos groenlandeses, como por exemplo elementos referentes á aurora boreal, a focas e osos polares.