Dada Masiti

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaDada Masiti
Nome orixinal(ar) مانا ستي حبيب جمال الدين Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacementodécada de 1810 Editar o valor em Wikidata
Barawa (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
Morte15 de xullo de 1919 Editar o valor em Wikidata (99/109 anos)
Barawa (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeSomalia Editar o valor em Wikidata
RelixiónIslam Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónpoetisa , escritora Editar o valor em Wikidata


Mana Sitti Habib Jamaladdin (árabe: مانا ستي حبيب جمال الدين), nada en Barawa cara a década de 1810 e finada o 15 de xullo de 1919[1], foi unha poeta, mística e estudante do islam, máis coñecida como Dada Masiti ("Avoa Masiti"). Compuxo a súa poesía no dialecto bravanés da lingua suahili.[2]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

A súa familia, tanto por vía materna como paterna, tiña ascendencia do clan Ashraf Mahadali. A avoa materna da súa nai tamén pertencía á Ashraf de Ali Naziri, que tiña maior influencia na zona e era o maior dos dous subclans. Os Ashraf, cuxa liñaxe proviña do profeta Mahoma, establecéranse en Barawa a comezos do século XVII.[2]

O que se coñece dos primeiros anos de Dada Masiti sábese por tradición oral.[2] Segundo os seus parentes máis próximos, sendo adolescente foi raptada e levada a Zanzíbar co seu consentimento por un home que a familia dela rexeitara como posible pretendente. Fuxiron e casaron na illa Pate. A relación rompeuse pouco despois, e ela sufriu escravitude durante uns dez anos. Finalmente logrou escapar, e o seu curmán materno Omar Qullatten, que por entón residía en Zanzibar, rescatouna. A propia Dada Masiti parece confirmar esta versión dos acontecementos na súa poesía, xa que alude a que se deixara levar por atraccións mundanas e manifesta contrición e desexo de expiar as súas accións. Os seus poemas tamén mencionan a Omar Qullatten polo seu nome e solicitan repetidamente que Deus o bendiga. Dada Masiti nunca volveu casar e non tivo fillos.[2]

Dada Masiti comezou os seus estudos relixiosos co xeque Mohammed Janna al-Bahluli. Seguidora da Qadiriyya, a súa poesía demostra unha comprensión detallada do Corán e a Sunna. A poesía dedicada aos seus contemporáneos demostra que era respectada. O xeque Qasim Muhyiddin al-Barawi referiuse a ela como "un tesouro que debía ser celosamente preservado".[2] O seu poema máis famoso foi "Despois da vida, vén a morte: cando o xeque morre, ninguén debe chorar", composto para o seu amigo, o xurista e xeque Nureni Mohammed Sabir. Tamén compuxo "Shaikhi Chifa isiloowa", unha euloxía para o xeque Nurein Ahmed al-Sabir al-Hatimy.[3] Moitos dos seus contemporáneos comprometéronse a recordar a súa poesía, especialmente as mulleres. Os seus versos aínda figuran de xeito destacado nos anais poéticos de Barawa.[2]

Despois da súa morte, foi soterrada a carón da súa pequena casa en Barawa.[2] Cada ano celébrase na súa memoria unha ziyārah a modo de homenaxe.[4]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Mohamed Kassim cita o seu ano de nacemento en 1219H (1804) e a súa data de defunción o 17 de shawal de 1339H (24 de xuño de 1921); véxase Kassim, M. (2001). "Dhikr Will Echo from All Corners: Dada Masiti and the Transmission of Islamic Knowledge". Bildhaan: International Journal of Somali Studies 2. pp. 104–120. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 Vianello, A. (2012). "Dada Masiti". Dictionary of African Biography. Oxford University Press. pp. 150–151. ISBN 978-0-19-538207-5. 
  3. John O. Hunwick; Rex Seán O'Fahey. The writings of the Muslim peoples of northeastern Africa. p. 68. ISBN 9789004109384. 
  4. Berge, Lars; Taddia, Irma (2013). Themes in Modern African History and Culture. p. 75. ISBN 9788862923637. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]