Couselo
| Couselo | ||||||||||||
|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
| Clasificación científica | ||||||||||||
|
||||||||||||
| Nome científico | ||||||||||||
| Umbilicus rupestris, Salisb. | ||||||||||||
O couselo é unha planta rupícola, denominada cientificamente Umbilicus rupestris (tamén Umbilicus pendulinus), pertencente á familia das crasuláceas Crassulaceae, con flores e perenne. Tamén é coñecida en galego por outros nomes vulgares: coucelo, couchelo, capelo ou pucho das paredes.
Índice |
[editar] Descrición
As flores en espiga e aspecto de campaíñas desta planta aparecen entre abril e xullo e os froitos madurecen durante o verán. O nome latino de umbilicus, é dicer embigo ou umbigo, alude ao aspecto das follas redondeadas, provistas dunha pequena depresión no centro que lembra un embigo, denominación que se conserva p. ex., no nome castelán de "ombligo de Venus" ou no inglés "navelworth". Mentres en galego, designacións como couselo, coucelo ou couchelo, remontan ao latín *calicellus "cálice pequeno", lembrando a flor, xunto o pequeno rabiño ou pedúnculo que a sostén, unha "copiña". Noutras designacións galegas, porén, o que lembra é un "chapeo": capelo, pucho das paredes.
As flores, como se dixo, teñen aspecto de campaíñas, e nacen ó longo dun comprido pedúnculo vertical. Son de cor verde pálida, que co tempo adquire tons rosados vermellizos.
[editar] Distribución e hábitat
É unha planta ben espallada polo Sur e Oeste de Europa, aínda que a primeira identificación científica foi feita polo naturalista francés Pierre Belon (1517 - 1564) no Oriente Próximo. É unha planta que medra ben en fendas de paredes, de tellados, ou de rochas, húmidas e sombreadas.
[editar] Usos
As follas son comestíbeis, pois son tenras e de gosto agradábel. Usouse na composición de xaropes domésticos para doenzas pectorais ou con fins diuréticos.
Os couselos empréganse tamén para curar grans, carafunchos ou úlceras, quitando o pelello da folla e poñéndoa no gran ou na ferida.
O zume, mesturado con aceite, empregábase contra a dor das queimaduras, segundo o dicionario de Eladio Rodríguez González. Outros etnógrafos (Ben-Cho-Shey ou Rivas Quintas) recollen este mesmo uso terapéutico coas follas fritidas en aceite, envoltas nunha folla de verza e postas a quentar na borralla da lareira; logo, ben quente, colócase sobre as frieiras.