Cotobade
Coordenadas: 42°28′N 08°28′W / 42.467°N 8.467°W
| Cotobade | |
|---|---|
| Casa do Concello | |
| Situación | |
| Xentilicio[1] | cotobadés |
| Xeografía | |
| Provincia | Provincia de Pontevedra |
| Comarca | Comarca de Pontevedra |
| Poboación | 4432 hab. (2011) |
| Área | 134,7 km² |
| Densidade | 32,9 hab./km² |
| Entidades de poboación | 13 parroquias |
| Capital do concello | A Chan |
| Política (2011) | |
| Alcalde | Jorge Cubela López (PPdG) |
| Concelleiros | BNG: 0 PPdeG: 6 PSdeG-PSOE: 5 Outros: |
| Eleccións municipais en Cotobade | |
| Uso do galego[2] (2001) | |
| Galegofalantes | 95,33% |
| Páxina web oficial | |
| http://www.concellodecotobade.org | |
Cotobade é un concello da provincia de Pontevedra, pertencente á comarca de Pontevedra. Segundo o IGE no 2009 tiña de 4.448 habitantes (2.098 homes e 2.350 mulleres). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «cotobadés».
Índice |
Toponimia [editar]
A denominación de Cotobade semella que deriva de couto do abade, dado que toda a comarca pertencía á antiga xurisdición que exercía o superior do convento de beneditinos de Tenorio.
Xeografía [editar]
Está situado ao oeste ao leste da provincia de Pontevedra. Limita ao norte co concello de Campo Lameiro, ao nordeste con Cerdedo, ao leste con Forcarei, ao sudeste coa Lama, ao sur con Ponte Caldelas e ao oeste con Pontevedra.
Ten unha extensión de 135,2 km², e conta con 13 parroquias e 135 entidades de poboación. A capital do municipio atópase o lugar da Chan, na parroquia de Carballedo, sen que o seu topónimo corresponda a ningunha entidade de poboación, o cal non é moi frecuente.
Hai dúas zonas diferenciadas: As "Terras Altas" son as situadas no val do río Almofrei, cara ao sudeste. O río nace no monte do Seixo e desde Caroi discorre limpo por vales frondosos onde abundan as carballeiras e outras masas forestais. Ademais, nos montes de Valongo nace o río Calvelle, que xunto co río Barbeira flúen ao río Verdugo, que formará a ría de Vigo.
As chamadas "Terras Baixas", que abarcan o val do río Lérez, que recibe os ríos Cabanelas, Calvelo e o propio Almofrei, o seu afluente máis importante. O Lérez sérvelle de límite ao concello, excepto na parroquia de San Xurxo de Sacos, na que o bordo vén marcado polo río Calvos. Tamén sobresae o monte Seixo, que con 990 metros de altitude é a cota máxima do concello.
Historia [editar]
Prehistoria e Idade antiga [editar]
O poboamento das terras de Cotobade comezou en época bastante antiga, como testemuñan a abundancia de restos arqueolóxicos (mámoas, castros e insculturas rupestres) repartidos por toda a súa xeografía. Así mesmo quedan restos da época romana na calzada do monte Pé da Múa.
Ata o século VII a rexión era coñecida como "terra de Escutarios", como consta no Cronicón Iriense. Afírmase que no Concilio de Lugo, celebrado a instancias de Teodomiro (rei dos Suevos) en 569, agregouse á Diocese de Iria Flavia, entre outras, a circunscrición de Escutarios.
Scutarius en latín é o que fai escudos. No século IV Amiano Marcelino, na Historia dos Emperadores Romanos, afirma que son os soldados armados de escudos. Seica o antigo nome de Cotobade vén polos moitos escudeiros (scutigerullus, de scutum-gero) da terra. Estes fidalgos eran cobizados por nobres e cabaleiros de toda a península polo seu valor e destreza no combate.
Idade Media [editar]
Entre os antigos monumentos históricos atópase no monte Castelo, que se estende polos límites de Borela, Carballedo, Tenorio e Viascón, a torre que noutrora se chamaba Couto do abade, da que quedan apenas vestixios.
Preto desta están os restos do castelo de Tenorio, que, a finais do século XV, pertencía a Pedro Madruga, señor de Soutomaior e conde de Camiña, e que foi conquistado polos irmandiños. Trala súa estadía en Portugal, Pedro Álvarez de Soutomaior reconquistou o castelo, malia ser defendido tenazmente por Gómez Pazos de Probén ó mando de 3.000 ou 4.000 viláns. A derrota irmandiña debeuse á traizón dun escravo mouro que revelou os puntos febles da defensa, polo que Manuel de Brito, ó mando de cen lanceiros e 2.000 peóns, conseguiu entrar no castelo, dando morte ós seus defensores. Segundo Vasco da Ponte, na época o castro recibía o nome de "Famela" ou "Framela".
O concello tivo a súa propia xurisdición, na que o Duque de Soutomaior nomeaba xuíz ordinario, e que comprendía as actuais parroquias, agás a de Caroi.
No século X fundouse o convento de beneditinos de Tenorio. A boa posición estratéxica deste causou que caese en mans de Pedro Madruga, quen destituíu o seu abade, Pedro Tenorio, por un monxe de Lérez. Este nomeamento, ó non ser acatado pola comunidade, trouxo como consecuencia o abandono do convento. Posteriormente utilizouse como reduto defensivo polos guerrilleiros durante a Guerra da Independencia, e acabou destruído ó ser incendiado polos franceses.
Idade Contemporánea [editar]
Século XIX [editar]
Na loita contra os franceses pode dicirse que Cotobade abriu a guerra, ó ataca-los seus habitantes ás guarnicións gabachas de Borela, San Xurxo de Sacos e Tenorio, o 19 de febreiro de 1809, obrigando a estas a renderse. Así mesmo o día 20 fan baterse en retirada ás tropas francesas de Pontevedra que acudían a se desquitaren da acción do día anterior. Posteriormente, o 28 do mesmo mes e ano, atacan a guarnición francesa de Pontevedra e o 7 de xuño toman parte na Batalla de Ponte Sampaio contribuíndo á derrota das forzas do Xeneral Ney.
Nestes feitos destaca a utilización polos veciños de Cotobade do "canón de pau", que consistía nun tronco furado e suxeito con argolas de ferro, e que resistía ata doce canonazos.
Destes feitos, que fan que se coñeza Cotobade coma terra do "canón de pau", hai varias recensións históricas que están profusamente recollidas nun libro, editado polo Concello, do que é autor Salustiano Portela Pazos.
Segundo a tradición, Cotobade é berce de afamados canteiros. Traballaban por toda España, e coñecíanse coa denominación popular de "barrocos"; semella que esta denominación ten relación con estilo arquitectónico do mesmo nome. Entre estes cabe destacar o mestre Cerviño, natural de Augasantas e autor dos cruceiros do Hío, Covelo, Ponteareas e outros, e do que di Castelao que "foi xenial, revolucionario, capaz de transforma-los pequenos cruceiros en grandes calvarios ó estilo dos que se levantan na Bretaña".
No monte do Seixo, preto do nacemento do río Almofrei, atópase unha antiga neveira, onde se aprisionaba a neve que, transportada en cabalerías, vendíase no porto de Marín.
Século XX [editar]
Desde os anos 20 do pasado século, o concello de Cotobade viviu unha profunda regresión demográfica produto da emigración (na súa maior parte a Brasil, México e Arxentina) que non foi corrixida ata o ano 2005. Nesa data, por primeira vez en case un século, o crecemento vexetativo da poboación foi positivo (isto é, por primeira vez houbo un crecemento do número de habitantes).
| Evolución da poboación de Cotobade (desde 1900 ata 2012) | |||||||
| 1900 | 1930 | 1950 | 1981 | 2004 | 2009 | 2011 | 2012 |
| 7.978 | 7.969 | 7.671 | 6.031 | 4.644 | 4.658 | 4.432 | {{{8}}} |
| Fontes: INE e IGE
(Os criterios de rexistro censual variaron entre 1900 e 2004, e os datos do INE e do IGE poden non coincidir.) |
|||||||
A raíz do Alzamento Nacional que provocou a guerra civil española, sufriron represión 27 persoas naturais ou veciños de Cotobade[3]:
- Artigo principal: Anexo:Represaliados de Cotobade .
Século XXI [editar]
Poboación no ano 2012:
| Censo Total (Habitantes) | 4.394 |
| Menores de 15 anos | 438 (9.97 %) |
| Entre 15 e 64 anos | 2.698 (61.40 %) |
| Maiores de 65 anos | 1.258 (28.63 %) |
Eleccións municipais [editar]
- Artigo principal: Eleccións municipais en Cotobade.
Na recente historia democrática, Cotobade tivo tan só dous alcaldes. Jose Ramón Abal Varela (do Partido Popular), que xa era rexedor baixo o réxime franquista, gobernou ata o 2003.
Nas eleccións de 2003 Manoel Loureiro (do PSdeG-PSOE) foi o candidato máis votado, chegando a un acordo co BNG para a formación dun goberno de coalición. Esta situación repetiuse tralas eleccións de 2007.
Nas eleccións de 2011 a anterior candidata do BNG, Lina Garrido, pasou a ser a nº 2 da lista do PSdeG. Pola súa parte, o PPdG presentou como candidato a Jorge Cubela López, de 22 anos. O PPdG acadou a maioría absoluta con 6 concellarías, por 5 do PSdeG.
Patrimonio histórico e artístico [editar]
Patrimonio arqueolóxico[4] [editar]
- Calzada do monte Pé da Múa.
Petróglifos [editar]
- Pedra das Ferraduras, na parroquia de San Xurxo de Sacos.
- Portela da Laxe, na parroquia de Viascón.
Patrimonio arquitectónico[5] [editar]
- Igrexa de San Martiño de Rebordelo.
- Igrexa de San Xurxo de Sacos.
- Igrexa de Santa María de Sacos.
- Mosteiro de San Pedro de Tenorio.
Festas populares [editar]
Son múltiples as festas que se celebran en todo o territorio de Cotobade ó longo do ano, pero hai tres que destacan sobre o resto:
- A rapa das Bestas, que se celebra no mes de agosto en Cuspedriños;
- A festa do Requeixo, en Corredoira;
- A festa da Filloa, celebrada en setembro en Valongo.
Galería de imaxes [editar]
- Artigo principal: Galería de imaxes de Cotobade.
-
Igrexa parroquial de Santa María de Aguasantas.
Parroquias [editar]
Lugares de Cotobade [editar]
Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Cotobade vexa: Lugares de Cotobade.
Notas [editar]
- ↑ Véxase no Galizionario.
- ↑ Datos de 2001 publicados en 2004.
- ↑ www.vitimas.nomesevoces.net
- ↑ Sitios arqueolóxicos en Cotobade (en castelán).
- ↑ Patrimonio arquitectónico de Cotobade
Véxase tamén [editar]
Ligazóns externas [editar]
| Concellos da Comarca de Pontevedra | ||||||||
|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Barro |
Campo Lameiro |
Cotobade |
A Lama |
Poio |
Ponte Caldelas |
Pontevedra |
Vilaboa |
|
|
|||||