Constantino IV

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Constantino IV nunha moeda da época

Constantino IV (Κωνσταντίνος Δ') (649-685) foi un emperador bizantino que reinou entre 668 e 685. Logrou estabilizar as fronteiras do Imperio Bizantino e recuperar parte do prestixio perdido ao longo do século VII.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Constantino era o fillo maior do emperador Constante II. Foi nomeado coemperador xunto ao seu pai en 654 cando aínda era un neno e converteuse en emperador despois de que o seu pai fose asasinado en 668 en Siracusa. Tivo asociados ao trono aos seus irmáns menores Heraclio e Tiberio.

Devolveu a capitalidade do Imperio a Constantinopla, que perdera durante o reinado do seu pai.

O primeiro reto ao que se tivo que enfrontar Constantino IV foi o rearme do poder árabe. Os árabes estiveran sumidos nos últimos anos nunha guerra civil do que resultou finalmente triunfante o califa omeia Muhawiya. Os árabes acabaran a súa guerra civil e o novo Califato Omeia decidiuse a atacar aos bizantinos para derrotalos definitivamente. En 674 a flota árabe atacou Constantinopla por mar sometendo a cidade a un asedio que duraría catro anos. Mentres tanto, os eslavos atacaron Salónica. En 678 os bizantinos lograron finalmente rexeitar o asedio árabe tras empregar o lume grego contra a flota árabe na Batalla de Syllaeum. Foi unha das primeiras veces que se utilizou este arma en combate. Os árabes foron rexeitados ao seren simultaneamente vencidos en Anatolia. A derrota árabe aumento o prestixio dos bizantinos, que asinaron a paz co Califato Omeia a cambio dun tributo anual que o califa debía pagar ao emperador.

En 680 Constantino convocou o Sexto Concilio Ecuménico (coñecido tamén como Terceiro Concilio de Constantinopla), que reafirmou a doutrina acordada no Concilio de Calcedonia en 451. A maior parte dos monofisitas, que eran maioría en Siria e Exipto, quedaran xa fóra das fronteiras do Imperio, polo que non tiña sentido buscar un compromiso entre esta herexía e a ortodoxia cristiá no referente á natureza de Cristo. As doutrinas do monotelismo e o monoenerxismo que foran creadas como tales solucións de compromiso e que os anteriores emperadores impulsaran como unha forma de atopar a paz relixiosa dentro do Imperio, foron condenadas polo Concilio. Isto permitiu reconciliar ao emperador co Papado e o cristianismo occidental que se opuxo firmemente a calquera desviación da ortodoxia acordada no concilio de 451.

Se Constantino IV tivo éxito ao lograr a paz cos árabes e a reconciliación con Occidente; non tivo tanta sorte ao defender as fronteiras danubianas do Imperio. Os búlgaros eran un pobo nómade procedente das estepas rusas que apareceron no Danubio cara ao 670. Durante os anos nos que Constantinopla estaba sometida ao asedio árabe, os búlgaros infiltráronse ao sur do Danubio e asentáronse no solar da moderna Bulgaria, onde someteron ás tribos eslavas que os precederon. Ese territorio pertencía formalmente ao Imperio Bizantino, aínda que os desastres acaecidos ao longo do século, deixara extensos territorios dos Balcáns fóra do control estatal. Unha vez obtida a paz cos árabes Constantino volveu a súa mirada cara ao norte e enviou unha expedición en 680 destinada a desaloxar aos búlgaros do territorio ao sur do Danubio. A expedición sufriu unha derrota desastrosa e iso forzou a Constantino a recoñecer a existencia do Imperio Búlgaro en 681.

Os irmáns de Constantino IV; Heraclio e Tiberio foran coroados xunto a el como Augustos, a demandas da poboación, pero en 683 Constantino cortoulles a lingua de tal forma que quedaron inhabilitados como posíbeis candidatos ao trono. Iso asegurou a sucesión na figura de Xustiniano II, fillo de Constantino, que foi coroado emperador en 685 cando o seu pai morreu de disentería.


Imperio Bizantino

Segue a:
Constante II
Constantino IV
Precede a:
Xustiniano II
Dinastía dos Heráclidas