Condestábel

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Condestábel, etimoloxicamente, provén de condestabre, que á súa vez deriva de un cargo palatino do imperio romano, comes stabuli, que correspondía ao que despois se chamou estribeiro-mor, o superintendente nas cabalarizas, mas que se tornara un importante cargo militar. Pertencíalle o comando da vangarda do exército se non estivese algún señor de maior categoría, porque a hoste era constituída por soldados dos grandes señores, e o condestábel era sobre todo un técnico, que podía non ser de grande importancia social.

Historia e características[editar | editar a fonte]

En Castela[editar | editar a fonte]

O título de Condestábel de Castela foi creado polo rei Xoán I de Castela en 1382 en substitución do de Alférez Mor do Reino. O condestábel era pois o máximo representante do Rei en ausencia do mesmo.

O cargo, ocupado por personaxes da máis alta nobreza, foi convertido en hereditario en 1473 por Henrique IV de Castela, sendo desde entón un título aristocrático máis, en mans dos descendentes de Pedro Fernández III de Velasco, que estableceron a súa residencia en Burgos. Os matrimonios entre nobres fixeron deste título un máis dos asociados ao de Duque de Alba. O seu actual portador é Cayetana Fitz-James Stuart.

En Portugal[editar | editar a fonte]

En Portugal a palabra foi tamén usada, até ao século XVIII, nun sentido diferente do de condestábel do reino. A bordo de cada navío de guerra, había polo menos un condestábel ou mais, xa que existen referencias á posición condestábel-mor. O condestábel do Reino substituíu o alférez-mor e as funcións aproximábanse das que modernamente ten o xefe do estado maior e das dos mestres-de-campo-xenerais dos séculos XVI e XVII.

D. João I deuno a Nuno Álvares Pereira manténdose a partir de aí en fidalgos da primeira nobreza, algúns de sangue real. Tornouse despois en cargo honorífico na familia dos duques de Cadaval, onde se mantivo até 1834. Ao acto de aclamación real asistiu durante moito tempo o condestábel, empuñando o estoque, o que representa unha reminiscencia da obrigación que competía ao alférez-mor de manter os desafíos en nome do rei.