Code Noir

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Portada do Code noir.

O Code noir (en francés Código Negro) é unha recompilación duns 60 artigos, promulgados en 1685, durante o reinado de Luís XIV. Foi publicado varias veces, especialmente no século XVIII. Reúne todas as disposicións reguladoras da vida dos escravos negros nas colonias francesas das Antillas (en 1685), da Güiana (a partir de 1704) e mais da illa Bourbon (en 1723). Serviu de modelo para outros regulamentos utilizados noutras colonias europeas. Así mesmo expulsaba os xudeus das colonias ultramariñas.

O 4 de febreiro de 1794, a Convención republicana revolucionaria decretou a abolición do escravismo, sendo aplicada no arquipélago de Guadalupe, mais non na Martinica, ocupada entón polos británicos, nin na illa de Reunión e na de Mauricio, pola negativa das autoridades locais. No 30 de floreal do ano X (1802), tales decretos foron anulados por Napoleón Bonaparte, repoñéndose o Code Noir. Até o 4 de marzo de 1848 non foi abolido o escravismo definitivamente, e o Code Noir foi "ipso facto" declarado caduco.

Contexto[editar | editar a fonte]

Luís XIV, monarca absoluto, desexaba estender o seu poder sobre o conxunto das colonias francesas. O Code noir inscríbese entre os ordenamentos do seu ministro Colbert, aínda que foi posto en vigor despois da súa morte polo seu fillo, Jean-Baptiste Colbert, Marquis de Seignelay.

O espírito do Código[editar | editar a fonte]

No preámbulo do Código faise aparecer a noción de "escravo" como un feito dado, sen dar orixe nin lexitimación. De xeito xeral, o Code noir asume o escravo como unha persoa sen dereitos, mostrándoo a miúdo como un obxecto. Por exemplo, o artigo 44 declara: os escravos son mobles (no senso notarial do termo).

Négalles aos escravos calquera capacidade xurídica, a diferenza do que ocorría cos servos medievais. É a nai quen transmite a condición xurídica, como se precisa no artigo 13: "Se un marido escravo casa cunha muller libre, os fillos, tanto homes como femias, seguen a condición de súa nai; se o pai é libre e a nai escrava, os fillos son igualmente escravos", polo que consecuentemente sempre serán escravos os fillos de parellas de escravos, como se indica no artigo 12: "os fillos que nazan de matrimonio entre escravos serán escravos". Por outra banda, prohíbese o matrimonio entre escravos sen consentimento dos amos, e, desde 1724, tamén os matrimonios entre brancos e negros.

A maioría dos artigos dedícanse aos deberes dos escravos e aos castigos que lles están reservados se os infrinxen. Entre eles figura a pena de morte polas seguintes causas: por golpear ao seu amo (artigo 33), por roubo de cabalo ou vaca (art. 35), polo terceiro intento de fuga (art. 38) ou mesmo por reunión (art. 16).

Os artigos que parecen protexer o escravo fronte á arbitrariedade do dono deben interpretarse con prudencia. Por exemplo, está prohibido torturar os escravos, os lategazos, a amputación dunha orella ou dunha sofraxe (art. 38), marcar a ferro coa flor de lis e, evidentemente, a morte, que só se autoriza nos casos arriba citados. Mais este tipo de artigos son deixados á interpretación do amo de maneira moi libre e así, segundo o artigo 42, só poderán os donos encadear os escravos ou baterlle con vergas ou cordas "cando crean que os seus escravos o merezan". Se o código obriga ao amo a alimentar e vestir aos escravos (art. 22), prohibe, en paralelo, que poidan cultivar pola súa conta un pedazo de terra.

Ademais, se o escravo pode reclamar oficialmente (art. 26), a súa testemuña carece de ningún valor xurídico (art. 30). As condenas de amos polo asasinato ou a tortura dun escravo son abondo raras, estando o artigo 43 expresamente redactado para alentar a clemencia dos maxistrados. O artigo 27 tenta fornecer un mínimo de protección ao escravo, especialmente en casos de vellez ou de enfermidade.

O código interésase no bautismo dos escravos, en darlles certa educación e mais unha sepultura cristiá. Coidábase que os negros tiñan alma que compría salvar.

Os escravos negros non tiñan dereito a levar armas, salvo para cazar. No primeiro intento de fuga, ao cimarrón capturado seríanlle cortadas as orellas e marcaríase con ferro ao roxo. No segundo expúñase a amputación dunha perna. A terceira significaba a morte.

A liberación dun escravo precisaba dunha autorización pública e a paga de impostor. Debe subliñarse a oposición flagrante destas disposicións á bula Veritas ipsa, que databa de máis dun século antes.

O artigo 9 dispuña que calquera escrava embarazada polo seu amo adquire de contado o status de muller libre, e que, asi mesmo, o seu dono está obrigado a casala. Pódese reflexionar que esta será, anos despois, a situación de Thomas Jefferson.

Análise[editar | editar a fonte]

Louis Sala-Molins, profesor emérito de Filosofía política na Universidade de Paris I, publicou en 1987 un libro ("Le Code noir ou le calvaire de Canaan"), no que analiza o Code noir e a súa aplicación, no cal escribe que é "o texto xurídico máis monstruoso que teña producido a época moderna". O Code noir serviu , segundo el, para un dobre obxectivo: reafirmar a soberania do Estado en terras afastadas e, á vez, crear condicións favorábeis para o comercio da cana de azucre, para o cal era prioritario utilizar escravos.

As penalizacións e maltratos inflixidos ao escravo eran semellantes ás que sofría o campesiño medio francés da época, submetido á arbitrariedade dos poderes locais, ao carecer Francia dun dereito escrito universal (que non apareceu até o Código napoleónico de 1804). As penas corporais eran as mesmas practicadas en Francia naquela altura polos axentes do rei, unha vez que decidían os tribunais. Mais ben entendido os paralelos formais non significan, en absoluto, que as situacións fosen comparábeis, pois os delitos non eran os mesmos estritamente: o campesiño era unha persoa xurídica, mentres que para o escravo das colonias, recobrar a súa liberdade era un delito punible coa morte.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Galifontes
A Galifontes posúe escritos orixinais acerca de: Code Noir

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Louis Sala-Molins, Le Code noir, PUF, Paris, 1988.