Claroscuro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Retrato de dous homes, de Tintoretto

O claroscuro (ás veces en italiano, chiaroscuro) é unha técnica artística (en pintura, debuxo e gravado) consistente no uso de contrastes fortes entre os volumes iluminados e os ensombrecidos do cadro para destacar máis efectivamente algúns elementos. Desenvolvida inicialmente polos pintores flamengos e italianos do cinquecento, a técnica alcanzaría a súa maduración no barroco, en especial con Caravaggio, dando lugar ó estilo chamado tenebrismo.

O termo italiano chiaroscuro, aínda que significa aparentemente o mesmo, é empregado máis especificamente para unha técnica de gravado en xilografía, que por medio de pranchas complementarias dá cores ás imaxes, como se fosen pintadas á acuarela. O primeiro uso coñecido do termo, con este significado, atribúese ó gravador italiano Ugo da Carpi, quen tería tomado a idea de composicións de orixe alemá ou flamenga. Nos gravados de Da Carpi, o efecto do claroscuro destaca unha figura central iluminada por unha fonte de luz normalmente ausente do plano do cadro; porén, as áreas escuras non están tan acentuadas como chegarían a verse na obra dos principais difusores do chiaroscuro, Caravaggio e Giovanni Baglione.

A técnica impoñeríase tamén entre os manieristas, sendo exemplos deste uso a Última Cea de Tintoretto ou o seu Retrato de dous homes, que presaxia as composicións de Rembrandt. O pintor holandés foi un dos máis conspicuos practicantes do claroscuro, utilizando a luz na súa composición para destacar soamente o seu obxecto específico.

Tenebrismo[editar | editar a fonte]

O estilo chamado tenebrismo* non é máis que unha aplicación radical do claroscuro, pola cal unicamente as figuras tematicamente centrais destacan iluminadas dun fondo xeneralizadamente escuro. Ignórase se por influencia de Caravaggio ou por un desenvolvemento paralelo, o estilo cobraría moita relevancia na pintura española de finais do século XVI e comezos do XVII, a partir da obra do catalán Francisco Ribalta. Ribalta empregaría o cor e a luz para dar volume ás figuras, e para destacar os protagonistas nos seus frescos relixiosos, algúns de gran beleza; talentoso mestre, o seu estilo influiría no do seu fillo Juan Ribalta, falecido moi cedo, e Vicente Castelló. Indirectamente pesaría tamén en Zurbarán e no máis destacado dos tenebristas españois, José de Ribera; este último levaría á súa maduración o estilo, empregando os volumes ensombrecidos para reforzar o horror e crueldade dos temas.

Outras artes[editar | editar a fonte]

A técnica do claroscuro foi popular entre os gravadores ó igual que en pintura, mais caería en desuso durante un longo período. Atinxiría renacida popularidade en cine da primeira metade do século XX, a través do gosto polas composicións marcadamente estruturadas e a maquillaxe impactante do expresionismo alemán; aínda que algunhas obras plaśticas expresionistas acudiran á mesma para realzar o efecto dos seus temas —en cadros como o Klosterneuburg de Egon Schiele ou o retrato de Adolf Loos por Oskar Kokoschka—, o uso do claroscuro no cine foi en boa medida un desenvolvemento orixinal, ó que se acudiu para solventar as limitacións técnicas da película e a falta de son, que obrigaban a unha forte estilización visual para compensar.


O expresionismo alemán tería curta vida, mais deixaría obras influentes, como o Nosferatu, eine Symphonie des Grauens de F. W. Murnau, en que o claroscuro desempeña un papel central. O traslado de moitos cineastas alemáns ós Estados Unidos como consecuencia do auxe do nazismo levaría ó desenvolvemento dun xénero cinematográfico que aunou as convencións narrativas da ficción policial americana coa influencia visual do expresionismo: o film noir. Caracterizado polo uso de proporcións desusadas de sombra (ata un 90% da pantalla, contra o 50% a 60% convencional) e o emprego da mesma como artificio dramático —sexa oscurecendo elementos de maneira suxestiva, sexa levando á pantalla a silueta dun obxecto invisíbel— o film noir empregou o claroscuro como medio visual para desenvolver a ambigüidade moral das súas temas. En películas como O falcón maltés, A noite do cazador ou Touch of evil en Estados Unidos, ou Pepé le Moko en Francia, o xogo de luces e sombras foi un dos elementos principais da estética.