Ceratiidae

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Femia cun macho parasito, preparación do Museo de Zooloxía de San Petersburgo.

Os Ceratiidae (cerátidos) son unha familia de peixes sapos de augas profundas,[1] cuxo nome procede do grego keras, 'corno', facendo referecnia a unha especie de "cana de pescar con isco" bioluminescente que se proxecta desde a fronte do peixe.

Son uns dos peixes sapos máis espallados polos mares do mundo; atópanse en todos os océanos desde os trópicos ao antártico. Son grandes e alongados: as femias das especies máis grandes, como Ceratias holboelli, chegan aos 1,2 m de lonxitude. Os machos son moito máis pequenos, acadando só 14 cm, e, igual que outros machos de peixes sapos, pasan a maior parte das súas vidas adheridos ao corpo da femia despois dunha previa etapa adolescente de vida libre na cal son aínda moito máis pequenos (como máximo 1,3 cm) e teñen unhas mandíbulas sen dentes parecidas a un peteiro afiado.[2] Un macho ou máis poden adherirse permanentemente ao corpo da femia, e finalmente os seus dous sistemas circulatorios comunícanse, polo que se pode dicir que os dous corpos se funden e o macho vive como un parasito da femia. A medida que esta especie de quimera xenética madura, ao macho crécenlle grandes testículos, mentres que o resto do seu corpo se atrofia. Os Ceratiidae son as únicas criaturas coñecidas que orixinan este tipo de quimeras como parte normal do seu ciclo vital.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Froese, Rainer e Daniel Pauly, eds. (2006). "Ceratiidae" en FishBase. Versión de febreiro de 2006.
  2. Theodore W. Pietsch. "Ceratiidae". Tree of Life. Consultado o 3 de abril de 2006. 

Este artigo tan só é un bosquexo
 Este artigo sobre bioloxía é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
 Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír.