Cemiterio dos Ingleses

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 43°11′09″N 9°10′12″O / 43.18593, -9.17005

Cemiterio dos Ingleses.

O Cemiterio dos Ingleses é un cemiterio e un monumento ás vítimas de naufraxios na Costa da Morte, situado no concello de Camariñas, na baía leste do promontorio da Punta do Boi, onde en 1890 naufragou o buque de guerra inglés HMS Serpent.

Por esta praia pasa a 4ª etapa da ruta de sendeirismo do Camiño dos Faros.

HMS Serpent[editar | editar a fonte]

Interior do mausoleo.

O 8 de novembro de 1890, o HMS Serpent con 175 tripulantes saíu do porto de Plymouth, con destino Serra Leoa. Aproximouse á terra con mal tempo, e a tenue luz do faro de Cabo Vilán levou á tripulación por mal camiño. Ao redor das 23:00 do 10 de novembro, o Serpent bateu contra os acantilados en Punta do Boi. O lugar do accidente chámase hoxe Baixos do Serpent. O capitán ordenou o lanzamento de cordas co canón, pero rebotaron contra as rochas. A tripulación subiu aos botes, pero as ondas rompéronos contra os acantilados. Tres mariñeiros foron arrastrados ao leste ata a praia do Trece. Foron os únicos superviventes do desastre.[1]

Nos días seguintes foron chegando á costa máis de 100 corpos. O cura da parroquia de Xaviña mobilizou aos habitantes para recuperar e sepultar os restos. O cemiterio foi separado en dúas partes, unha para católicos e outra para protestantes.[2]

A Royal Navy e a raíña Vitoria agradeceron o seu traballo aos habitantes de Camariñas cunha carta de gratitude e con varios agasallos para as autoridades como un reloxo de ouro para o alcalde, unha escopeta para o párroco de Xaviña e 30 libras para os que colaboraron no rescate. Durante medio século despois da catástrofe, os barcos de guerra ingleses que navegaban preto do lugar do accidente lanzaban salvas en honor aos seus compañeiros.[2][1]

Naufraxios posteriores[editar | editar a fonte]

Monumento aos náufragos.

Incluíndo o Serpent, houbo oito naufraxios na zona cun total de 245 mortos.[1] Unha inscrición nunha rocha lembra a todos os náufragos da Costa da Morte.

O Cemiterio dos Ingleses está incluído na Ruta Europea de Cemiterios Singulares.[3]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 "Cementerio de los Ingleses. La tragedia del Serpent". www.turismocamarinas.net (en castelán). Consultado o 26 de setembro de 2019. 
  2. 2,0 2,1 Jar Torres, Luis (Maio de 2006). "El naufragio del HMS “Serpent”". Revista General de Marina (en castelán). 
  3. "The English Cemetery (Camariñas, Spain)". www.significantcemeteries.org (en inglés). Consultado o 26 de setembro de 2019. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]