Cartilaxe de Meckel

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Cabeza e pescozo dun embrión de 18 semanas coa cartilaxe de Meckel e hioide expostos.
Mandíbula dun embrión humano de 95 mm. Aspecto interno, cos núcleos das cartilaxes punteados.

As cartilaxes de Meckel (esquerda e dereita) son cartilaxes orixinadas no embrión que forman o arco mandibular (1º arco farínxeo). [1] Na cartilaxe de Meckel desenvólvense os ósos do oído martelo e bigornia e serve de guía para a formación da mandíbula.

Extremos. O extremo dorsal desta cartilaxe está conectado coa cápsula ótica e osifícase formando o óso martelo. Os extremos ventrais das dúas cartilaxes (esquerda e dereita) aproxímanse na zona onde se formará a sínfise mentoniana da mandíbula [2], na que se encontran os dentes incisivos, que non se soldará de todo ata os dous anos de vida.

Parte intermedia. A parte intermedia da cartilaxe desaparece. A porción adxacente ao martelo é substituída por unha membrana fibrosa, que constitúe o ligamento esfenomandibular. A partir do tecido conectivo que cobre o resto da cartilaxe fórmase por osificación a maior parte da mandíbula. [3] Nos humanos a osificación dá comezo durante a sexta semana de vida intrauterina. Por tanto, non é a cartilaxe a que se osifica senón as membranas conectivas que o rodean pola parte lateral, aínda que serve como director da osificación e parte da cartilaxe pode incorporarse ao óso na parte ventral.

A cartilaxe recibe o seu nome por Johann Friedrich Meckel, que a descubriu en 1820.

Evolución[editar | editar a fonte]

A cartilaxe de Meckel é unha peza cartilaxinosa a partir da cal evolucionaron as mandíbulas dos vertebrados. Orixinalmente esta cartilaxe era a cartilaxe inferior das dúas que sostiñan o primeiro arco branquial nos primeiros peixes. Despois, fíxose máis longa e forte e nela inseríronse os músculos necesarios para pechar a mandíbula que se estaba desenvolvendo. [4]

Nos primeiros peixes e nos condrictios (peixes cartilaxinosos como os tiburóns e as raias, que non son peixes primitivos senón evolucionados), a cartilaxe de Meckel segue sendo o principal compoñente da mandíbula. Pero nas formas adultas dos osteíctios (peixes óseos) e nos seus descendentes tetrápodos (anfibios, réptiles, aves, e mamífero), a cartilaxe queda cuberta de tecido óseo, aínda que nos seus embrións a mandíbula se desenvolve tamén a partir desta cartilaxe. En case todos os tetrápodos a cartilaxe osifícase parcialmente na súa parte posterior orixinando o óso articular, que forma parte da articulación da mandíbula, pero nos mamíferos esa parte dá lugar ao martelo, polo que non ten funcións articulares. [4]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Marzena Wyganowska-Świątkowska, Agnieszka Przystańska. The Meckel’s cartilage in human embryonic and early fetal period. Anatomical Science International. Volume 86, Number 2 (2011), 98-107, DOI: 10.1007/s12565-010-0093-3. [1]
  2. J.F. Rodríguez-Vázquez, J.R. Mérida-Velasco, J.A. Mérida-Velasco, I. Sánchez-Montesinos, J. Espín-Ferra, J. Jiménez-Collado. Development of Meckel’s Cartilage in the Symphyseal Region in Man. The anatomical record 249:249–254 (1997) [2]
  3. Suk Keun Lee, Yeon Sook Kim, Hee Soo Oh, Kyu Ho Yang, Eun Cheol Kim, Je Geun Chi. Prenatal Development of the Human Mandible. The Anatomical Record. 263:314–325 (2001). [3]
  4. 4,0 4,1 The Gill Arches: Meckel's Cartilage at Palaeos

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]