Beta Orionis

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Rigel sun comparison.png

Beta Orionis (β Orionis / β Ori), máis coñecida coma Rigel, é a estrela máis brillante da constelación de Orión, aínda que a súa denominación de Bayer "beta" debería corresponder á segunda estrela con máis brillo da constelación a súa magnitude aparente de +0,18 sitúaa por diante da estrela α Orionis, Betelgeuse. Está situada no suposto pé esquerdo da figura do cazador Orión que forman as estrelas da constelación. De aí o seu nome de orixe árabe, Rijl jauza al-Yusra, "o pé esquerdo do central", en alusión a Orión. Outro nome árabe que tamén posúe é Algebar, cuxa orixe está en ar-Rijl al-Jabbār, "o pé do xigante".

Sábese que Rígel é unha binaria visual dende 1831, cando foi medida por vez primeira por Friedrich Georg Wilhelm von Struve. Aínda que a estrela acompañante, Rigel B, ten magnitude +6,7, a súa proximidade a Rígel A (máis de 500 veces máis brillante) supón un desafío para telescopios de menos de 150 mm de apertura. Á distancia estimada do sistema, Rigel B está separada da estrela primaria por máis de 2500 unidades astronómicas (ua); consecuentemente, non se detectou movemento orbital algún, se ben comparten movemento propio.