Benito Canal

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaBenito Canal
Biografía
Nacemento1941 Editar o valor em Wikidata
Fontao, España Editar o valor em Wikidata
Morte26 de setembro de 2016 Editar o valor em Wikidata (74/75 anos)
Soria, España Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeEspaña Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónboxeador Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua castelá Editar o valor em Wikidata
DeporteBoxeo Editar o valor em Wikidata

Benito Canal, nado en Fontao (Corvillón, A Merca) en 1941 e finado en Soria o 26 de setembro de 2016, foi un boxeador galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Aos oito ou dez anos emigrou ao País Vasco, onde despois de facer os estudos básicos comezou a traballar como electricista.

Comezou a pelexar como amador no boxeo e disputou unha trintena de combates[1]. En Nadal de 1960 enfrontouse ao campión español dos pesos pesados, o tamén vasco Mariano Echeverría, pero saíu derrotado aos puntos. Aínda que non está claro cando empezou oficialmente a pelexar como profesional, e hai dúbidas entre as fontes[1], xa é con esta condición coa que en 1962 lle disputou precisamente a Mariano Echeverría, o título de España dos pesados. Canal venceu a Echeverría aos puntos na praza de touros de Vista Alegre, en Bilbao, o 9 de setembro e converteuse en campión de España.

En abril de 1963, e tamén en Bilbao, volveron enfrontarse polo título Canal e Echeverría, e volveu vencer o da Merca aos puntos. Entre 1963 e 1965 defendeu de novo o título en dúas ocasións. Unha delas, en 1964, foi na praza de touros da Coruña, onde derrotou o valenciano José González Sales[2].

En abril de 1965, fíxoo de novo contra Echeverría, a quen derrotou por KO técnico. En novembro dese ano volvéronse enfrontar de novo Canal e Echeverría, de novo coa vitoria e o título para o galego aos puntos[1]. Mais no seu conxunto ese ano 1965 tivo tamén aspectos negativos para Canal, pois perdeu por KO tres combates co italiano Giorgio Masteghin en Bilbao, co tamén italiano Dante Cané en Roma e contra o inglés Jack Bodell en Derby (Inglaterra) o 9 de decembro.

Como consecuencia deses tres KOs en espazo tan curto de tempo foi apartado pola Federación española de boxeo, perdeu o título e retiróuselle a súa ficha profesional. Devolvéronlla en febreiro de 1967 e ese verán volveu enfrontarse a Echeverría (Palacio dos Deportes de Bilbao), neste caso con derrota aos puntos. Ao ano seguinte (1968), desta volta en Donostia, volveu enfrontarse a Mariano Echeverría, pero o combate parouse con vantaxe para Canal ao abrirlle Echeverría o sobrancello a Canal. Como consecuencia, o vasco retivo o título[1].

En 1969 volveu enfrontarse, xa por última vez, a Echeverría. En Bilbao gañoulle finalmente, aos puntos, pero non conseguiu o título, que naquela altura xa posuía Juan Manuel Urtain, quen acabaría sendo unha das principais figuras dese deporte en España e que iniciaba a súa carreira. O reto estaba feito, pero como Urtain foi disputar o título europeo contra Henry Cooper, o combate non tivo lugar ata maio de 1971. Nese último combate Urtain derrotou a Canal por KO.

Ao retirarse do boxeo logo desta pelexa, montou un restaurante en Bilbao. Mantivo o negocio ata que en 2008 se xubilou e se trasladou á casa familiar de Fontao, aínda que pasaba longas tempadas en Soria, onde faleceu.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 Utrilla, Carlos (30-7-2013). "El gran duelo: Benito Canal vs Mariano Echevarría". Historias del boxeo. 
  2. Salgado, R.A: (26-6-2015). "Benito Canal un boxeador Ourensano". Ourense no tempo.