Batalla de Covadonga

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Estatua de Paio en Covadonga.

A batalla de Covadonga tivo lugar en 722 en Covadonga (España), unha paraxe próxima a Cangas de Onís (Asturias), entre o exército de Paio e tropas musulmás, que resultaron derrotadas.[1][2] Esta acción bélica considérase como o arranque da Reconquista.

Gobernaba o norte peninsular[Cómpre referencia] desde Xixón un bérber chamado Munuza, cuxa autoridade foi desafiada polos dirixentes astures que, reunidos en Cangas de Onís en 718 baixo o liderado de Paio, tomaron a decisión de rebelarse negándose a pagar impostos esixidos, o jaray e o yizia. Tras algunhas accións de castigo a cargo de tropas árabes locais, Munuza solicitou a intervención de reforzos desde Córdoba. Aínda que se restou importancia ao que estaba sucedendo no extremo ibérico, o valín Ambasa enviou ao mando de Al Qama un corpo expedicionario sarraceno que probablemente en ningún caso alcanzaría a cifra de 180.000 homes dada polas crónicas cristiás.[1]

En canto ás forzas de Paio, a historiografía recente cuantifícaas en pouco máis de 300 combatentes. Con elas esperou aos musulmáns nun lugar estratéxico, como o angosto val de Cangas dos Picos de Europa cuxo fondo pecha o monte Auseva, onde un atacante ordenado non dispón de espazo para manobrar e perde a eficacia que o número e a organización poderían outorgarlle. Alí, en 722, produciuse o enfrontamento, cuxa dimensión é descoñecida e que puido tratarse dunha batalla ou unha simple escaramuza. A cuestión é que as tropas sarracenas foron decimadas, obrigando a Munuza a escapar de Xixón, onde se atopaba nese momento. Non logrou fuxir o gobernador musulmán dado que el e as súas tropas atoparon a morte. Un centenar de homes comandados por Paio ocuparan a soada cova de Covadonga, atacando desde alí ás desconcertadas tropas mouras. Al Qama morreu neste lance, mentres que as súas forzas sufriron grandes perdas na súa desordenada fuxida, ao caer sobre eles unha ladeira debido a un desprendemento de terras, probablemente provocado, preto de Cosgaya en Cantabria.[3]

Esta vitoria permitiu que o reino[Cómpre referencia] non volvese ser atacado por forzas musulmás. A batalla de Covadonga supuxo a primeira vitoria dun continxente rebelde contra a dominación musulmá na península Ibérica[Cómpre referencia]. Tivo unha ampla difusión na historiografía posterior como detonante do establecemento dunha insurrección organizada que desembocaría na fundación, en primeira instancia, do reino independente de Asturias[Cómpre referencia], e doutros reinos cristiáns que en última instancia culminaría coa formación do Reino de España.[1][4][5]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 Sánchez-Albornoz, Claudio. "El reino de Asturias. Orígenes de la nación española". Colección: Biblioteca Histórica Asturiana. Silverio Cañada, Gijón, 1989
  2. Ruiz de la Peña, Ignacio. "Batalla de Covadonga", na Gran Enciclopedia Asturiana, Tomo 5, pp. 167-172. Silverio Cañada, Gijón, 1981
  3. Erice, Francisco y Uría, Jorge. Historia básica de Asturias. Colección: Biblioteca Histórica Asturiana. Silverio Cañada, Gijón, 1990
  4. Valdeón, Julio. La España medieval. Actas, S.L., 2003. ISBN 84-9739-002-4
  5. Valdeón, Julio et al. Historia de las Españas medievales. Editorial Crítica, 2002. ISBN 84-8432-300-5

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]