Bandeira vermella

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Bandeira vermella

A bandeira vermella é un emblema socialista e comunista asociado particularmente coa esquerda revolucionaria, aínda que tamén forma parte da tradición socialdemócrata e laborista, tendo sido un estandarte empregado por partidos tales como o Partido Laborista no Reino Unido, o Partido Socialista francés e grupos semellantes no mundo enteiro. O uso polos socialdemócratas diminuíu en anos recentes, se ben é preciso sinalar que moitos deles veñen afastándose da esquerda política. Por outra parte, o sentido radical da bandeira é moito máis antigo có socialismo.


É común ver bandeiras vermellas sobreimpresas cos nomes ou emblemas de partidos, movementos, organizacións ou sindicatos. As bandeiras vermellas son a miúdo vistas en protestas, manifestacións e marchas. Tamén, ondear unha bandeira vermella é un eufemismo para a incitación en tauromaquia, e o vermello é a cor do desafío tanto como tamén un símbolo da clase traballadora, ou proletariado.

A auténtica orixe do seu uso como insignia dos movementos obreiros remóntase a 1789, durante a Revolución Francesa; a Lei do 20 de outubro dese mesmo ano decretaba o despregue dunha bandeira vermella para anunciar que o exército ía intervir, coa fin de reprimir unha revolta. No século XIX, para mostrar a oposición a esta Lei, a bandeira vermella convertiuse no símbolo da insurrección revolucionaria e do movemento obreiro[1], sendo empregada na Comuna de París polos insurrectos, e tamén polos partidos socialistas; de alí o cualificativo de vermello que se lle dá ao esquerdista. Por esta razón pasou a ser a bandeira da Unión Soviética e dos Partidos Comunistas da Terceira Internacional. Outros estados socialistas como a República Popular Chinesa, Vietnam, tamén teñen bandeiras maioritariamente vermellas. Porén, outros estados e territorios de gobernos non socialistas tamén manteñen bandeiras vermellas por razóns históricas, como é o caso de Marrocos ou Turquía. A expresión bandeira vermella ten sido empregada tamén nas cancións ou marchas conmemorativas de diversos partidos ou movementos de inclinación socialista; así se observa no caso do desaparecido Partido Comunista Italiano, cuxo himno se denominaba precisamente Bandeira Vermella (Bandiera Rossa en italiano).

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Enciclopedia Larousse editorial Planeta, 1980, PALA, SA, para la ed. española

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Bandeira vermella