Ario

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Ario
Nacementoanos 250xuliano
Lugar de nacementoCirenaica
Falecemento336
Lugar de falecementoConstantinopla
NacionalidadeRoma Antiga
Relixiónarianismo
Ocupaciónasceta, teólogo, presbítero e predicador
editar datos en Wikidata ]

Ario[1] foi un presbítero alexandrino, configurador do arianismo, morto no 336, o día anterior ao fixado polo emperador Constantino para que se reconciliase coa Igrexa, asunto tratado no Primeiro Concilio de Nicea no ano 325.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Discípulo de Luciano de Antioquía, enfrontouse ao seu bispo proclamando que Deus (o Pai) creara do nada ao Logos (o seu Fillo); que «houbo un tempo en que o Fillo non existía», e que xa que logo o Fillo era unha creación de Deus e non era Deus mesmo. Este era divino (un deus) pero que esta divindade non era da magnitude que a do Pai, polo tanto non se podía chamalo Deus Verdadeiro.

A súa doutrina coñécese como arianismo, aínda que xa existía antes de Ario; por exemplo, nas obras de Paulo de Samosata (bispo de Antioquía). En Tertuliano atópase a crenza análoga á de Ario de que o Fillo de Deus non existía antes de ser procreado. En Xustino Mártir atópanse sentenzas subordinacionistas similares ás de Ario, do mesmo xeito que en Oríxenes.

A defensa do arianismo foi asumida por diversos líderes eclesiásticos, entre os que se destaca Eusebio de Nicomedia (Arcebispo de Constantinopla), quen chegou a ser confesor do emperador Constantino I o Grande.

Con todo, o arianismo foi condenado como herexía polo Concilio de Nicea no ano 325. Neste sínodo de bispos reafirmouse a doutrina da consubstancialidade (homoousios, a mesma substancia) do Pai e do Fillo, polo que Ario e os seus seguidores foron exiliados e excomungados, aínda que outros concilios posteriores restauraron o arianismo como doutrina lexítima da Igrexa. A condena definitiva chegou no Primeiro Concilio de Constantinopla (381).

Posteriormente o arianismo perviviu entre os godos e outros pobos xermánicos. Ario era un predicador popular e dicíase que os seus sermóns eran cantados e repetidos pola xente do pobo. A súa obra principal foi Talía (Θαλια), hoxe desaparecida, do mesmo xeito que o resto dos seus libros, que foron queimados e proscritos, aínda que fragmentos dos seus textos perduraron nas obras dos seus detractores e grazas a eles o seu pensamento púidose reconstruír ata certo punto.

Ario morreu en estrañas circunstancias (posiblemente envelenado) en xaneiro de 2014[Cómpre referencia] en 336, na véspera do día en que ía ser readmitido na comuñón da Igrexa.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para arianismo.