Antonio Guillán Hermo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Antonio Guillán Hermo, nado na Pobra do Caramiñal en 1900 e finado en 1985, foi un poeta galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Antonio Guillán Hermo naceu na Pobra do Caramiñal. Cursou estudos de maxisterio e logo de superar as oposicións a mestre casou con María Fajardo Silva, tamén mestra, exercendo ámbolos dous a docencia en distintos colexios de Galiza. A maior parte da súa vida transcorreu entre Vilalonga (Sanxenxo), Vigo e Pontevedra, onde residiu coa súa familia ata a súa morte en 1985.

Como ocorrera con tantos mestres, o golpe de estado do xeneral Francisco Franco en 1936 supuxo que foran represaliados e perderan o seu posto de traballo, que conseguiron recuperar máis tarde. Porén, Antonio Guillán nunca militou en partido político ningún.

Antonio Guillán foi un grande estudioso e coñecedor das letras galegas, profundo admirador da obra de Curros e de Pondal, polos que sentía un respecto reverencial. Esa influencia apréciase tanto nos temas da súa poesía como na forma e métrica dos seus versos.

Os seus temas, profundamente galegos, denotan o amor pola súa terra e un fino sentido humorístico.

A súa derradeira obra publicada, O libro dos soños conta coa colaboración de famosos pintores galegos coma Manuel Aramburu, Manuel Pesqueira, Xulio Maside ou Manuel Torres.

Obra[editar | editar a fonte]

  • Xuncos, 1979 (poemario)
  • O libro dos soños, 1984 (poemario)