Antonio Azarola

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Antonio Azarola Gresillón, nado en Tafalla en 1874 e finado en Ferrol o 4 de agosto de 1936, foi un militar navarro, executado polos sublevados ós poucos de comezar a Guerra Civil.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Dende novembro de 1934, era segundo xefe da Base Naval de Ferrol e xefe do seu Arsenal. Foi subsecretario do Ministerio de Mariña e posteriormente ministro do mesmo departamento no gabinete presidido por Manuel Portela Valladares dende o 30 de decembro de 1935 ao 19 de febreiro de 1936, o último antes das eleccións de febreiro de 1936. Baixo o seu ministerio produciuse o último Plan Naval antes do estalido da Guerra Civil (11 de xaneiro de 1936), no que se prevía a construción de dous destrutores, dous canoneiros e outros barcos menores.

Aínda que ao producirse a sublevación na Base do Ferrol, o 20 de xullo, o contralmirante Azarola adoptou unha actitude vacilante, finalmente inclinouse por non tomar parte na sublevación, polo que ao triunfar esta en Ferrol, foi detido, sometido a xuízo sumarísimo e condenado a morte por:

...un delito de abandono de destino do Xefe do Arsenal ante rebeldes e sediciosos, inhibíndose nas súas funcións, retirándose ás súas habitacións particulares e opoñéndose a que se declarase o estado de guerra nesta praza.

O contraalmirante Azarola declarou no xuízo que, aínda que simpatizaba cos propósitos da sublevación, non podía quebrantar os seus principios militares:

...consideracións de carácter militar impedíanme en absoluto o sumarme a un acto que consideraba sedicioso (aínda que inspirado nas máis nobres intencións).

Foi fusilado ás seis da mañá do 4 de agosto, no cuartel de Dolores. Os seus restos atópanse enterrados no cemiterio de Vilagarcía de Arousa.

A súa sobriña Amelia Azarola Echevarría estaba casada co aviador falanxista Julio Ruiz de Alda, que foi asasinado no Cárcere Modelo de Madrid o 23 de agosto de 1936.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Laruelo Roa, M.: Muertes Paralelas. El destino trágico de los prohombres de la República.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]