Anticlea

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Tiresias adiviña o futuro de Odiseo (entre ambos, no centro, a ánima de Anticlea) (Henry Fuseli, c. 1800)

Anticlea é unha muller da mitoloxía grega, filla do astuto ladrón Autólico e de Anfítea. Foi esposa de Laertes, rei da Ítaca e nai do heroe Odiseo.

O pai de Autólico foi Hermes, coñecido como o mensaxeiro de Zeus pero tamén por ser o deus dos ladróns[1]. Hermes concedeulle ó seu fillo o don de poder cambiar a cor e a forma das cousas, o que Autólico aproveitou para roubar con éxito o gando dos demais e escapar cambiándolle a cor ou poñéndolle ou quitándolle cornos, para que ninguén o puidese recoñecer.

Unha das súas vítimas foi Sísifo, a quen lle foi roubando as vacas ós poucos. Sísifo deuse de conta que o seu rabaño minguaba á par que medraba o de Autólico, pero non era quen de recoñecer as súas vacas. Entón fixo unhas marcas nos pezuños das vacas que lle quedaban e así puido demostrar que eran as que agora estaban no rabaño de Autólico, aínda que agora tivesen outra cor. A tradición di que marcou o seu gando coas iniciais "SS" ou ben coa frase "roubado por Autólico"[2].

Xa seguro da súa propiedade, foi á casa de Autólico a reclamarlle o que era seu e levou o seu gando. Pero aloxouse na casa deste e aproveitou a ocasión para seducir á filla, a Anticlea[3], que esa mesma noite casaba con Laertes e, tivo un fillo, Odiseo, do que quedou a dúbida de se era fillo de Sísifo ou de Laertes[4].

Atribúese á paternidade de Sísifo o carácter mentireiro e raposeiro que Homero dá a Odiseo. Outros autores tamén lembran esta innoble orixe de Odiseo: Filoctetes maldí a Diomedes e Odiseo por abandonalo, ferido e só, durante a expedición a Troia, e di ó coñecer que morrera Áiax: "¡Pero o fillo de Tideo e o fillo de Sísifo, comprado por Laertes, non hai medo que morran, non, e son eles os que non deberían vivir"[5]. Tamén Eurípides se refire a el como "descendencia de Sísifo"[6].

Anticlea pediulle ó pai que lle pusexe nome ó meniño e Autólico bautizouno como Odiseo, que significa Anoxado, porque será vítima das inimizades que tiña el, Autólico. Prometeu que se Odiseo ía algunha vez ó Parnaso a pedirlle explicacións, el colmaríaoo de agasallos para acougalo. Efectivamente, ó medrar, Odiseo foi ver ó avó e, estando de caza con el, foi atacado e ferido na coxa por un xabaril[7]. A cicatriz na coxa foi o detalle que permitiu á criada recoñecelo cando regresou a Ítaca[8].

Odiseo permaneceu ausente da súa patria, Ítaca, durante vinte anos, tal como lle vaticinara o oráculo: dez anos que durou a Guerra de Troia e outros dez anos que lle levou a viaxe de regreso, a Odisea. Ante tan longa ausencia e sen ter noticias del, a nai, Anticlea, chea de dor, terminou sucidándose. No descenso de Odiseo ós Infernos para preguntar ó adiviño Tiresias as causas das mil desventuras que sufrían os seus barcos, puido ver á súa nai entre as almas en pena do Hades, entre outras moitas de outros personaxes.

"Logo chegou a alma da miña nai defunta, Anticlea, filla do magnánimo Autólico, a quen viva deixara ó partir cara a sagrada Troia. Ó vela alí botei a chorar e compadecina no meu ánimo. Pero nin aínda así lle permitín, a pesar da miña intensa pena, achegarse ó sangue antes de ter interrogado a Tiresias"
Odisea XI, 84-89

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Acabado de nacer, aínda cos cueiros, foi quen de roubarlle o gando a Apolo.
  2. Graves, px. 239.
  3. O ben foi ela o que se entregou.
  4. "Aínda que pasaba por ser fillo de Laertes, este Odiseo fora enxendrado en secreto por Sísifo e Anticlea, filla do afamado ladrón Autólico" (Graves, px. 693).
  5. Sófocles: Filoctetes 416.
  6. Eurípides: Cíclope 104.
  7. Odisea XIX, 393; Graves, px. 693.
  8. Odisea XIX, 4679.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Eurípides (2021 (11ª ed)). Tragedias I (El cíclope. Alcestis. Medea. Los Heráclidas. Hipólito. Andrómaca. Hécuba). Cátedra. ISBN 9788437605456.  (en castelán)
  • Graves, Robert (2019). Los mitos griegos. Gredos. ISBN 9788424999940.  (en castelán)
  • Grimal, Pierre (1981, 1ª ed; 2017, 7ª reimpr.). Diccionario de mitología griega y romana. Paidós. ISBN 9788449324574.  (en castelán)
  • Hixino (2009). Fábulas mitológicas. Alianza Editorial. ISBN 9788420650722.  (en castelán) [especialmente Fábula 201]
  • Homero (trad. Carlos García Gual) (2005, 1ª ed; 2019, 5ª reimpr). Odisea. Alianza Editorial. ISBN 9788420674629.  (en castelán)
  • Sófocles (2021). Tragedias (Áyax. Las Traquinias. Antígona. Edipo rey. Electra. Filoctetes. Edipo en Colono). Gredos. ISBN 9788424939458.  (en castelán)