Anisáquidos
Denomínanse anisáquidos a un grupo de vermes nematodos que parasitan, en estado adulto, os mamíferos mariños. No home son causa da enfermidade denominada anisaquiase, producida pola inxestión de larvas vivas presentes no peixe, cando o consome cru ou insuficientemente cociñado.
As especies máis frecuentemente involucradas nesta parasitación son as seguintes:
- Anisakis simplex e A. physeteris
- Pseudoterranova decipiens
- Contracaecum spp
O Anisakis simplex é, con moito, a especie máis característica. Estímase que o 97% dos casos de anisaquiase se debe a esta especie e o 3% restante ao Pseudoterranova (Martínez Ubeira). Os últimos estudos consideran que Anisakis simplex é un complexo formado polo A. simplex sensu stricto (ou A. simplex B), o A. pegreffi (A. simplex A) e o A. simplex C. Das tres especies, a primeira é a máis abundante.
Índice |
[editar] Descrición
Os ovos do Anisakis son ovalados, dunhas 45-50 micras, e coa casca fina e transparente. Cando son depositados no medio mariño non están embrionados.
As larvas L3, xa infestantes, son filiformes, de 2-3 cm de lonxitude e de cor brancuxa. As do xénero Pseudoterranova é maior (de ata 45 mm) e de cor marrón ou avermellada. No tercio anterior do corpo mostran unha mancha branca que corresponde co ventrículo. No extremo cefálico mostran un dente único (dente de penetración), a boca (provista de pequenos dentículos) e o poro excretor. No extremo caudal mostran un avultamento (o mucrón), propio dos nematodos e que desparece ao mudar a larva 4.
[editar] Ciclo biolóxico
Nos Anisakis, o ciclo biolóxico é complexo e interveñen varios hospedadores. O verme adulto parasita o aparato dixestivo de mamíferos mariños (grandes e pequenos cetáceos e mais focas), provocando fortes úlceras na parede do estómago. Pon os ovos na luz intestinal e estes son expulsados coas feces ao medio mariño. Na auga prodúcese o desenvolvemento embrionario que atravesa por tres fases larvarias (L1, L2 e L3). Eclosionan ao cabo de 4-8 días, se a auga está a temperaturas de 15 a 18 °C.
A larva L3 é de vida libre e nada no medio mariño, formando parte do plancto, co que son inxeridas polos hospedadores intermedios (normalmente copépodos e outros pequenos crustáceos). No interior destes migran cara o hemocele e rematan a maduración, converténdose en larvas infestantes. Estes crustáceos son, á súa vez, presa de diferentes especies de peixes e cefalópodos [1] e a larva pasa neles á cavidade corporal, tras atravesar a parede gastrointestinal. Nos peixes, as larvas localízanse principalmente sobre o fígado (baixo o tecido conectivo que o rodea) ou nas ovas, pero pero son quen de desprazarse activamente para encapsularse na musculatura, especialmente nos músculos que rodean a cavidade abdominal aínda que poden chegar á carne inmediata á espiña; nos cefalópodos adoitan fixarse na parede externa do estómado e só raramente na musculatura do manto.
No hospedador intermediario as larvas aparecen soltas, móbiles, sobre as vísceras ou fixadas a estas ou ao peritoneo do peixe. Cando se localizan na musculatura aparecen onmóbiles, enroladas en espiral, formando un disco abrancazado duns 2-3 mm de diámetro.
Cando un mamífero mariño come o peixe parasitado péchase o ciclo. A larva penetra na parede do estómago, muda outra vez (L4) e alcanza a madurez sexual. Normalmente os vermes adultos aparecen agrupados, 50-100 exemplares, en úlceras de ata 6 cm de diámetro.
No caso do Pseudoterranova decipiens, os hospedadores definitivos adoitan ser unicamente pinnípedos e os intermediarios son crustáceos mísidos.
A intervención do home neste ciclo biolóxico é accidental e rompe o ciclo: constitúe un hospedador paraténico [2]. Aínda que no home as larvas provoquen a enfermidade da anisaquiase, nunca chegan ao estado adulto, pero non resulta infrecuente atopar no tracto gastrointestinal humano fases intermedias entre L3 e L4 e mesmo estas últimas xa desenvolvidas.
[editar] Notas
- ↑ A infestación tamén se pode producir se predan noutros peixes ou cefalópodos infestados.
- ↑ Denomínase hospedador paraténico ou de transporte aquel ser vivo que actúa como vehículo ou refuxio temporal do parasito para acceder ao hospedador definitivo, non sendo imprescindibles para completar o ciclo vital, aínda que aumenta as posibilidades de supervivencia e transmisión.
[editar] Véxase tamén
[editar] Bibliografía
- MARTÍNEZ UBEIRA, Florencio (director): Anisaquiosis y alergia. Un estudio seroepidemiológico en la Comunidad Autónoma Gallega. Documentos Técnicos de Saúde Pública nº B24, Xunta de Galicia 2000.