Alexis Tsipras
| Alexis Tsipras | |
|
Presidente de Synaspismos
|
|
|---|---|
| Actualmente no cargo | |
| Dende o 9 de febreiro de 2008 | |
| Precedido por | Alekos Alavanos |
|
Vicepresidente do Partido da Esquerda Europea
|
|
|
Datos persoais
|
|
| Nacemento | 28 de xullo de 1974 Atenas, |
| Partido | Synaspismos SYRIZA |
Alexis Tsipras, en grego Αλέξης Τσίπρας, nado o 28 de xullo de 1974 en Atenas, é un político grego e membro do seu Parlamento, líder da Coalición da Esquerda Radical (SYRIZA) e presidente de Synaspismos (SYN), partido político que forma parte de dita coalición.[1]
Índice |
Traxectoria[editar]
Alexis Tsipras naceu en Atenas en 1974.[2] Estudou enxeñaría civil na Universidade Técnica Nacional de Atenas. Tras diplomarse en 2000, iniciou uns estudos sobre planificación territorial no marco dun programa interdepartamental da súa universidade, como tamén empezou a traballar como enxeñeiro civil no sector da construción.
Afiliouse ás Xuventudes Comunistas a finais dos anos 80. A comezos dos anos 90, mentres era alumno no Liceo de Ambelokipi, foi moi activo politicamente na rebelión dos alumnos de instituto contra unha lei controvertida do Ministro de Educación e Asuntos Relixiosos daquela época, Vasilis Kontogiannopoulos. Converteuse rapidamente en membro influínte do movemento contestatario tras a súa participación nunha entrevista en televisión coa xornalista Anna Panagiotarea.
Como estudante da Universidade uniuse ás filas do movemento de renovación da esquerda e foi membro do Consello Executivo da Unión da Facultade de Enxeñaría Civil de Atenas e tamén foi representante dos estudantes no Claustro Universitario. Foi elixido membro do Consello Central da Unión Nacional de Estudantes de Grecia (EFEE) durante o período 1995-1997.
En 1999 foi elixido secretario da Xuventude de Synaspismos, cargo que ocupou até o 3º congreso da organización en marzo de 2003. Como secretario das Xuventudes de Synaspismos tomou parte activa no proceso de creación do Foro Social Grego e asistiu a todas as marchas e protestas internacionais contra a globalización neoliberal. No 4º congreso de Synaspismos en decembro de 2004, foi elixido membro do comité central do partido político, onde foi responsable das cuestións de educación e xuventude.
Nas eleccións de 2006 foi candidato a alcalde de Atenas, co apoio de Synaspismos e as forzas aliadas de SYRIZA . Encabezou a lista Ανοιχτή Πόλη (Cidade Aberta), quedando terceiro despois dos candidatos de Nova Democracia e PASOK cun apoio do 10,5% e catro concelleiros. Foi elixido para o cargo de presidente de Synaspismos durante o 5º Congreso do Partido en febreiro de 2008. Foi elixido membro do Parlamento nas eleccións nacionais en 2009 e desde entón dirixiu o grupo parlamentario SYRIZA.
Notas[editar]
- ↑ "Alexis Tsipras to head SYRIZA Parliamentary group". http://www.athina984.gr/node/69377.
- ↑ "Synaspismos Alexis Tsipras". http://www.syn.gr/en/tsipras_alexis.htm. Consultado o 9 de mayo de 2012.