Adelán, Alfoz
- Para outras páxinas con títulos homónimos véxase: Adelán.
| Adelán | |
|---|---|
| Igrexa de Santiago de Adelán. | |
| Concello | Alfoz |
| Área | 16,08 km² |
| Poboación | 333 hab. (2004) |
| Densidade | 20,7 hab./km² |
| Entidades de poboación | 27 |
Santiago de Adelán é unha parroquia do concello de Alfoz. Limita coas parroquias do Castro de Ouro, Carballido, Mor e As Oiras, xunto cos concellos de Foz e Mondoñedo. Pertencente ao arciprestado de O Valadouro. Ten 333 habitantes repartidos en 27 entidades de poboación: Abeledo (2), Cadeirido (28), As Cales (13), A Camariña (12), A Cancela (5), Os Casás (15), Clavos (8), Corbite (15), O Coto (5), O Cristo (18), O Enxameado (8), Fachelas (18), A Fonte da Bestra (25), A Igrexa (11), A Lama (4), A Martilla (2), Os Novás (6), A Orden (20), Pías (13), O Pouso (11), Presa Boa (34), A Rebolada (13), A Rexedoira (23), Suasbarras (8), Torrillón (9), O Vilar (3) e Vixín (4), cunha densidade media de 20,7 hab/km2 (2004).
A superficie da parroquia é de 16,08 km2.
Índice |
[editar] Monumentos
Nesta parroquia existen varios monumentos que se poden visitar (aínda que nalgúns é necesario concerta-la visita antes de efectuala). O primeiro está situado na aldea do Coto. É a Capela dos Remedios e de San Rosendo. Esta capela ten unha soa nave, coa sancristía na parte posterior e con cuberta a dúas augas; arco adintelado na entrada e, culminando a fachada, unha pequena espadana dun van. No interior hai retablo con esculturas.
Os seguintes tres monumentos atópanse na aldea da Igrexa. O primeiro deles é a Igrexa parroquial de Santiago de Adelán. A igrexa actual é o froito dunha serie de intervencións ao longo dos seculos. Do século XII consérvanse algúns elementos, aínda que a parroquia xa existía no século VII (outras testemuñas din que hai documentos que tamén se refiren á parroquia de San Vicente de Lagoa do mesmo século) e hai autores que datan a portada no século X, pero o resto da construción é do século XVII. Ten tres naves separadas por arcos de medio punto e a sancristía situada detrás da cabeceira. A fachada principal conserva a portada románica, con arco de medio punto con dúas arquivoltas e columnas con capiteis figurativos; son curiosas as bases, que son en realidade capiteis invertidos, o que fai cavilar na reutilización de elementos arquitectónicos anteriores. Ten espadana de dous vans e consérvanse retablos no interior.
O segundo dos monumentos é a Torre de Adelán. Ao estar en propiedade privada non é visitable. Axardinado e cercado, cun muro de pedra e a entrada cunha enmarcadura na porta dun arco. Encóntrase nas proximidades da igrexa parroquial. Posúe dous corpos: un cadrangular con cuberta a catro auguas e con solaina de pedra, e o outro constituído por diversas pezas almeadas que representan a Torre. Empregouse canteiría na torre e nunha fachada principal. A construción é sólida, perfectamente coidada e cun escudo da familia.
Tamén nesta localidade está a Casa do Pazo de Adelán que é de propiedade privada non visitable. Encóntrase nunha leira situada nunha zona chá e rodeada de suaves outeiros boscosos. Antes estaba amurallada e agora está dividida polas pistas rurais que a atravesan. A planta ten forma de L, formada por unha torre no ángulo e dous corpos engadidos. Está fabricada de cachotería de granito, ten un patín de pedra orientado ao poñente. Posúe unha torre de tres plantas.
A Casa Grande de Cadeirido, construída nunha zona da aldea do mesmo nome, tamén é unha propiedade privada non visitable. Ten frondosos bosques próximos e fermosas vistas sobre o val do Río de Ouro. Non está amurallada. Do antigo conxunto só queda a torre, case cadrada e de tres alturas, cos edificios engadidos máis baixos. Ten cuberta de lousa negra. Na súa construción empregouse cachotería de granito e canteiría nos esquinais, vans, cornixas, etc. da Torre. O corpo engadido na zona Norleste presenta unha porta con arco cego de medio punto apoiado sobre zapatas e dúas grandes pedras cunha aguia e un año tallados.
O Pazo da Escoura, de planta en escuadra con torre no ángulo, muros de cachotería e cuberta de laxas. Está formado por tres volumes: as duas ás de dúas plantas e a torre de tres. Os novos volumes engadidos distorsionaron a imaxe do edificio orixinal. Na fachada posterior existe unha escaleiriña que daba acceso a unha galería.
O Pazo de Basanta, contruído no século XIV pola liñaxe dos Basanta, presenta planta cuadrangular, con dous edificios arrimados formando un conxunto entre o Pazo e a Torre. Está fabricado en perpiaño de granito e cuberto con lousa a catro augas. A torre, de tres plantas e base cadrada, está rematada, como o resto do pazo, cunha cornixa moldeada e saíntes almeados. Consérvase en bo estado, e mesmo hai quen testemuña que este Pazo é coñecido como o Pazo de Adelán.
[editar] Galería de imaxes
[editar] Lugares e parroquias
[editar] Lugares de Adelán
| Lugares da parroquia de Adelán no concello de Alfoz (Lugo) | |
|---|---|
|
Abeledo | Cadeirido | As Cales | A Camariña | A Cancela | Os Casás | Clavos | Corbite | O Coto | O Cristo | O Enxameado | Fachelas | A Fonte da Bestra | A Igrexa | A Lama | A Martilla | Os Novás | A Orden | Pías | O Pouso | Presa Boa | A Rebolada | A Rexedoira | Suasbarras | Torrillón | O Vilar | Vixín |
[editar] Parroquias de Alfoz
| Galicia | Provincia de Lugo | Parroquias de Alfoz | |
|---|---|
|
Adelán (Santiago) | Bacoi (Santa María) | Carballido (San Sebastián) | O Castro de Ouro (San Salvador) | Lagoa (San Vicente) | Mor (San Pedro) | As Oiras (San Mamede) | O Pereiro (Santa María) | O Reirado (Santa María) |