ABT Summer

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O ABT Summer foi un superpetroleiro liberiano que se incendiou e afundiu o 28 de maio de 1991 fronte ás costas de Angola, cunha carga de 260 000 toneladas de fuel pesado.

Fora construído en 1974 en Ulsan (Corea do Sur). O propietario era a empresa Somatra ltd e o armador Arabian Bulk Trading, e navegaba baixo bandeira liberiana. Medía 344,43 m de eslora e 81,87 m de manga.

O buque facía o transporte de fuel entre Irán e Rotterdam e atopábase no momento do accidente a unhas 700 millas (1.300 km) da costa de Angola. Por razóns que se descoñecen sufriu unha explosión e comezou a arder e verter a carga, provocando unha marea negra de 32 km de largo por 7 km de ancho. Ó cabo de tres días de intentos infrutuosos para apagar o lume desde distintos barcos chegados ata o lugar do accidente, rematou por afundir o 1 de xuño. A consecuencia da explosión houbo un morto e catro desaparecidos, rescatándose con vida ós 27 tripulantes restantes.

Dada a distancia á que se atopaba da costa, o petróleo disolveuse no mar sen chegar a terra. Calcúlase que a vertedura foi de entre 44 000 e 57 000 toneladas, aínda que non hai evidencia certa da cantidade queimada e vertida, afundíndose o barco co resto da carga. Os danos ambientais, pouco estudados, considéranse baixos.

Os posteriores intentos de localizar os restos do barco no fondo mariño nunca deron resultado.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]