Đorđe Marjanović
Nome orixinal | (sr) Ђорђе Марјановић |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 30 de outubro de 1931 Kučevo, Serbia (pt) |
Morte | 15 de maio de 2021 (89 anos) Belgrado, Serbia |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | Iugoslavia Serbia |
Educación | Universidade de Belgrado (pt) |
Actividade | |
Campo de traballo | Música pop e música popular |
Ocupación | cantante |
Período de actividade | 1954 - |
Xénero artístico | Música pop |
Lingua | Lingua serbia |
Instrumento | Voz |
Selo discográfico | PGP-RTB |
Premios | |
Đorđe Marjanović, nado en Kučevo o 30 de outubro de 1931 e finado en Belgrado o 15 de maio de 2021,[1][2] foi un cantante serbio.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Seu pai, Sveta Marjanović, con 15 anos estivo entre os civís que tras a invasión de Serbia polas potencias centrais no decurso da primeira guerra mundial marcharon co exército serbio na súa retirada ao longo de Albania[3]; o goberno serbio no exilio enviou estudar ao Reino Unido pero volveu sen rematar os estudos universitarios e traballou como empregado de banca ao volver a Kučevo. Súa nai morreu nove meses despois da nacenza de Đorđe e o neno criouno a súa avoa materna. Logo de rematar o ensino secundario estudou farmacia en Belgrado[4] sen chegar a rematar a carreira.
En 1954 actuou por primeira vez como cantante, foi nunha audición para cantantes afeccionados organizada pola Asociación de Músicos de Jazz de Serbia. Nos anos seguintes apareceu en festivais e concertos de música pop, normalmente cantando cancións gravadas por artitas iugoslavos como Duško Jakšić, Bruno Petrali ou Ivo Robić. A finais de 1957 comezou a cantar "Zvižduk u 8" escrita por Darko Kraljić nos primeiros anos da década, pero inédita, e que se convertería anos despois nun dos seus grandes éxitos e canción de referencia.[5] Pero foi en 1958 cando se deu a coñecer no espazo musical iugoslavo coa súa actuación no descanso dun concerto en Niš no que interpretou catro cancións que o público recibiu con entusiasmo, solicitando un bis[6] e ao pouco cantou na televisión o tema "Zvižduk u osam". Mentres realizaba o servizo militar saíu, en outubro de 1959 e no selo PGP-RTB, o seu primeiro LP Muzika za igru, que vendeu a tiraxe de 11 000 discos nun só mes, un auténtico éxito nun país con 20 000 tocadiscos na época. O seu segundo álbum de estudio, Mustafa, gravouno en 1961 e consistía en versións de éxitos estranxeiros, como "Ya Mustafa" de Bob Azzam. En 1963 realizou unha xira pola Unión Soviética que lle deu popularidade, e que repetiu en anos seguintes. Durante toda a década foi un dos cantantes máis recoñecidos en Iugoslavia. Nas décadas de 1970 e 1980 realizou xiras tamén por Europa occidental e os Estados Unidos.
En 1990, mentres actuaba como convidado nun concerto de Lepa Brena en Melbourne sufriu un ictus, e aínda que logrou posteriormente recuperarse parcialmente decidiu retirarse.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "UMRO ĐORĐE MARJANOVIĆ Izgubio bitku sa korona virusom". blic.rs (en serbio). Blic. 15 de maio de 2021.
- ↑ "Umro legendarni Đorđe Marjanović". nova.rs (en serbio). Nova S. 15 de maio de 2021.
- ↑ Kajlovic, Vladimir (2003). Đorđe Marjanović. Čačak: Legenda. p. 62.
- ↑ „Марјановић С. Ђорђе“ Ко је ко у Србији 1991, Belgrado 1991, p. 262
- ↑ Janjatović, Petar (2007). EX YU ROCK enciklopedija 1960-2006, p. 141.
- ↑ "Đorđe Marjanović : Milord za sva vremena" Arquivado 23 de novembro de 2018 en Wayback Machine.XXZ, 13 de marzo de 2018