Xerografía
A xerografía é un proceso de impresión que emprega electrostática en seco para a reprodución ou copiado de documentos ou imaxes. A palabra xerografía deriva do grego ξηρός (xeros), que significa ‘seco’, e -γραφία (grafía), que significa ‘escritura’.
Historia
[editar | editar a fonte]O proceso foi inventado o 22 de outubro de 1938 por Chester Carlson (1906-1968) baseándose significativamente nas contribucións do físico húngaro Pál Selényi. A innovación de Carlson combinou a impresión electrostática coa fotografía, a diferenza do proceso de impresión electrostática seca inventado por Georg Christoph Lichtenberg en 1778.[1]
Carlson graduouse en física e conseguiu traballo de asistente cun avogado de patentes, onde realizou un traballo intensivo no uso de papeis. Alí notou que había necesidade de copiar documentos de forma simple e rápida. Entón comezou a experimentar con cargas electrostáticas e materiais fotocondutores, é dicir, materiais que modifican as súas propiedades eléctricas ao seren expostos á luz. En 1938, á idade de 32 anos, Carlson logrou crear a primeira imaxe xerográfica no seu laboratorio.
Lanzamento comercial pola Xerox
[editar | editar a fonte]En 1947, unha pequena empresa do norte de Nova York, creada no mesmo ano de nacemento de Carlson, apostou polo descubrimento adquirindo os dereitos para desenvolver e comercializar a xerografía. A empresa chamábase The Haloid Company, e en 1961 renomearíase Xerox Corporation. A compañía seguiu desenvolvendo a tecnoloxía até lanzar unha copiadora automática de papel para oficinas, a Xerox 914, que facía copias en branco e negro en papel común, en forma simple e rápida.
O proceso orixinal de Carlson era complexo, exixindo varias etapas de procesamento manual con placas planas. Pasaran case 18 anos antes que un proceso totalmente automatizado fose desenvolvido, sendo o principal avance o uso dun tambor cilíndrico revestido de selenio en vez dunha placa plana.
A revista Fortune denominouna «o produto máis exitoso de todos os tempos comercializado nos Estados Unidos de América».
A xerografía é a tecnoloxía base das actuais fotocopiadoras, impresoras láser e impresoras dixitais de produción. Estímase que en 2004 realizáronse 4 billóns de páxinas en produtos que hoxe existen grazas a esta tecnoloxía, o que a converte no método máis usado para imprimir documentos nas oficinas.
Outra inmensa vantaxe deste proceso é que, a diferenza do chorro de tinta, o tóner non se corre por líquidos como auga, entre outros. E ademais, tamén posúe terminación ou calidade moi superior ao sistema "ink jet" mencionado. Por exemplo en textos, os bordos das letras son moito máis definidos.
Funcionamento
[editar | editar a fonte]Unha superficie é cargada con electricidade estática en forma uniforme e é exposta a luz que descarga ou destrúe a carga eléctrica, ficando cargadas só aquelas áreas onde hai sombra. Un pigmento de po (tinta seca ou tóner) fíxase nestas áreas cargadas facendo visíbel a imaxe, que é transferida ao papel mediante un campo electrostático. O uso de calor e presión fixan a tinta ao papel.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Schiffer, Michael B.; Hollenback, Kacy L.; Bell, Carrie L. (2003). Draw the lightning down : Benjamin Franklin and electrical technology in the Age of Enlightenment. Berkeley : University of California Press. ISBN 978-0-520-23802-2.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Xerografía |
Vexa a entrada do Galizionario acerca de Xerografía |