Xenocidio pipil do Salvador

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Vítimas amoreadas pola Garda Nacional do Salvador en Izalco, 1932.

O xenocidio pipil do Salvador foi un proceso sistemático de exterminio[1][2] das comunidades pipís[3] do Salvador, levado a cabo polo estado salvadoreño entre 1932 e 1944,[4] sendo os primeiros meses os máis intensos e provocándose nestes a maior cantidade de vítimas. O resultado foi a práctica extinción da etnia pipil e a súa cultura e lingua, ademais de dar inicio a unha ditadura militar autárquica de 12 anos que supuxo o comezo dos réximes militares salvadoreños.

Contexto[editar | editar a fonte]

Ante a caída dos prezos internacionais do café e durante un período de recesión prologada, a economía salvadoreña atopábase en momentos febles. En decembro de 1931, un golpe militar substituíu o goberno laborista do presidente salvadoreño Arturo Araujo co ditador militar Maximiliano Hernández Martínez.[5] Un mes despois, na noite do 22 de xaneiro de 1932, miles de campesiños indíxenas participaron no levantamento campesiño de 1932 encabezado por Agustín Farabundo Martí e apoiada polo Partido Comunista Salvadoreño.

Xenocidio[editar | editar a fonte]

Hernández Martínez reprimiu facilmente a rebelión e autorizou a execución sumaria de arredor de 25.000 persoas.[6][7][8] O levantamento e a súa brutal represión, á que se denomina "La Matanza", foron feitos transcendentais na historia do país. A revolta demostrou o valor da ditadura militar para a elite terratenente, que se convenceu da necesidade dunha vixilancia eterna contra a ameaza dunha revolución comunista.[9]

A escala da represión do goberno por mor da rebelión errada non tivo precedentes na historia do Salvador. O exército, a policía,[10] a Garda Nacional e as forzas privadas dos facendados participaron nunha serie de masacres que durou unha semana. Os líderes da insurrección, incluído Agustín Farabundo Martí, foron capturados e fusilados.

Camioneta chea de cadáveres en Juayua, 1932.

Durante “La Matanza” calquera persoa que tivese aparencia indíxena, vestise roupa indíxena ou falase pipil,[11] ou calquera persoa que simplemente se pensase que estaba asociada coa rebelión era fusilada. Nalgúns casos, pobos enteiros desapareceron. Nunca se coñeceron as cifras exactas, mais o número de mortos estímase entre 10.000 e 30.000 persoas. A ditadura insistiu en que só 2000 foron asasinados. Para a poboación indíxena do Salvador, os efectos do masacre foron moito máis alá do número inmediato de mortos. A medida que se fixo cada vez máis perigoso ser identificado como indíxena, a vestimenta, a lingua e os costumes tradicionais desapareceron en gran medida.[12][13][14][15]

Para as elites salvadoreñas, a revolta combinaría os seus fortes temores á rebelión indíxena e a revolución comunista. Cando a violencia da Matanza minguou, unha combinación de racismo e anticomunismo converteuse na ideoloxía principal da elite. Esta ideoloxía serviu para bloquear o cambio social e xustificar a represión. Politicamente, O Salvador tería unha serie de xuntas militares até a guerra civil do Salvador na década de 1980.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. CISPES 2007.
  2. Payés 2007.
  3. Definición de pipil no Dicionario de Galego de Ir Indo e a Xunta de Galicia.
  4. "El genocidio indígena de 1932, una mancha oscura en la historia de El Salvador". RT en Español (en castelán). Consultado o 16 de maio de 2019. 
  5. "Araujo, Arturo (1878–1967) | Encyclopedia.com". 
  6. Museo de la palabra y la imagen 1932, Cicatriz de la Memoria Arquivado 01 de marzo de 2007 en Wayback Machine.
  7. El Periódico Nuevo Enfoque Feliciano Ama, líder de la insurrección indígena de 1932, consultado o 11 de abril de 2007
  8. Argueta, Ricardo Los grandes debates en la historiografía económica de El Salvador durante el siglo XX. Consultado o 5 de maio de 2007.
  9. el Rojo, Heródoto El Salvador, de la esperanza a la desilusión Arquivado 08 de abril de 2010 en Wayback Machine. consultado o 23 de abril de 2007.
  10. Ministerio del Interior Español Guardia Civil-Historia
  11. Lindo Fuentes, Ching & Lara Martínez 2007, p. 62.
  12. de la Rosa Municio, Juan El Salvador: Memoria histórica y organización indígena consultado o 22 de abril de 2007.
  13. PBS c. 2002.
  14. Garrard-Burnett 2004, pp. 575–576.
  15. de la Rosa Municio 2006.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]