Xenocidio asirio
O xenocidio asirio (tamén coñecido como Saifo, en siríaco: ܩܛܠܐ ܕܥܡܐ ܣܘܪܝܝܐ ou siríaco: ܣܝܦܐ) refírese ao exterminio masivo da poboación de etnia asiria do Imperio Otomán durante a primeira guerra mundial, en paralelo co xenocidio armenio e co xenocidio grego.[1][2]
A poboación civil asiria da alta Mesopotamia (a rexión de Tur Abdin, as provincias de Hakkâri, Van e Siirt da Turquía actual, e a rexión de Urmia no noroeste de Irán) foi forzosamente desprazada e masacrada polo exército otomán musulmán e por outras milicias aliadas musulmás (kurdas, chechenas e circasianas) entre 1914 e 1920, e sufriu aínda máis ataques por parte de diversas milicias árabes.[1]
As estimacións sobre o número total de mortes varían. Baseándose en detalladas estatísticas dos fieis das diferentes Igrexas posteriores o xenocidio, David Gaunt acepta o número de 275.000 mortes do Tratado de Lausana e estima que o número total tería sido de 300.000 por mor de que non se tiveran en conta un número indeterminado de áreas de maioría asiria, constituíndo a cifra total a eliminación da metade do pobo asirio.[3]
O xenocidio asirio tivo lugar no mesmo contexto que os xenocidios armenio e grego.[4] Nestes eventos, preto de tres millóns de cristiáns siríacos, armenios e gregos foron asasinados polo réxime dos Mozos Turcos.[1] Ao ter lugar o xenocidio dos asirios no contexto do máis difundido xenocidio armenio, os estudos tratándoo de xeito separado son escasos, coa excepción dos traballos de David Gaunt e Hannibal Travis.[2]
En 2007, a International Association of Genocide Scholars (IAGS, Asociación Internacional de Académicos dos Xenocidios) acadou o consenso de que "a campaña otomá contra as minorías cristiás do Imperio entre 1914 e 1923 constituíu un xenocidio contra armenios, asirios, e gregos pónticos e anatolios.[5] A IAGS fixo referencia aos traballos de Gaunt e Travis ao aprobar esta resolución.[6] Gregory Stanton, presidente do IAGS entre 2007 e 2008 e fundador de Genocide Watch, apoiou a "repudia polos principais académicos dos xenocidios do mundo da negación por noventa anos do goberno turco dos xenocidios do Imperio Otomán contra as súas poboacións cristiás, incluíndo aos asirios, gregos e armenios."[7]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 Travis, Hannibal (2010). Carolina Academic Press, ed. Genocide in the Middle East: The Ottoman Empire, Iraq, and Sudan. Durham, NC. pp. 237–277, 293–294..
- ↑ 2,0 2,1 Khosoreva, Anahit (2007). "The Assyrian Genocide in the Ottoman Empire and Adjacent Territories". En Transaction Publishers. The Armenian Genocide: Cultural and Ethical Legacies. New Brunswick, NJ. pp. 267–274. ISBN 1-4128-0619-4..
- ↑ David Gaunt, "The Assyrian Genocide of 1915", Assyrian Genocide Research Center, 2009
- ↑ Schaller, Dominik J.; Zimmerer, Jürgen (2013). Routledge, ed. Late Ottoman Genocides: The Dissolution of the Ottoman Empire and Young Turkish population and extermination policies. ISBN 9781317990451.
- ↑ Genocide Scholars Association Officially Recognizes Assyrian Greek Genocides. 16 December 2007. Retrieved 2010-02-02 Arquivado 18 de xaneiro de 2012 en Wayback Machine..
- ↑ Notes on Genocides of Christian Populations of the Ottoman Empire
- ↑ [1]