Wikipedia:Sobre Galicia/xullo 2021

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
De Catro a Catro Manuel Antonio 1928.gif

De catro a catro. Follas sin data d'un diario d'abordo é un libro de poesía de Manuel Antonio publicado en marzo de 1928 pola Editorial Nós. É a única obra que o autor publicou en vida, e está considerado a súa obra por excelencia. Son 19 poemas que reflicten unha travesía marítima, desde Intencións ata Adeus, dominada polo estatismo e a quietude, sen avance temporal nin espacial. Na paisaxe predominan os astros e o horizonte nun ambiente nocturno, negativo.

É o primeiro poemario integramente vangardista, en concreto creacionista, da literatura galega. Por mor disto, De catro a catro converteuse nun fito literario pois achega unha poética diferente daqueloutra que consagraba as formas e contidos tradicionais, marcando un antes e un despois na historia da literatura galega.

O libro consta de dezanove poemas que foron escritos nos anos 1926 e 1927 cando o rianxeiro, embarcado no pailebote Constantino Candeira, percorreu as augas do Mar Mediterráneo e presenta, polo mesmo, un fío común experiencial que se fai patente no subtítulo Follas sen data dun diario de abordo e na estrutura da obra, xa que os poemas están circunscritos a un ámbito que se abre mediante o primeiro texto, "Intencións" (en que Manuel Antonio soña co que acontecerá nas futuras singraduras), e un último, "Adeus", en que se despide do Constantino Candeira.