Wikipedia:Sobre Galicia/setembro 2022

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Cronista Xeral de Galicia ou Cronista Oficial do Reino de Galicia é un posto oficial vitalicio, sen remuneración económica, designado por Decreto da Xunta de Galicia que se lle asigna a historiadores para definir a versión oficial da historia contemporánea de Galicia. O título remóntase ó Antigo Réxime, cando se nomearon varias personalidades coa intención de elaborar unha historia xeral de Galicia, mais con pouco éxito.
O primeiro cronista foi Felipe da Gándara, designado en 1654 pola Xunta do Reino. No século XIX tamén ostentou o título Manuel Murguía. Seguindo a tradición antiga e dentro da política de autoidentificación de Manuel Fraga, restabeleceuse en 1991 e co paso dos anos e a morte de cada persoa fóronse producindo novos nomeamentos.
O último persoeiro que o ocupou foi Antonio Eiras Roel e desde o seu pasamento en 2017 o cargo está vacante.