Wikipedia:Sobre Galicia/marzo 2021

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Marcela Gracia Ibeas e Elisa Sánchez Loriga foron dúas mestras galegas. As dúas mulleres constituíron o segundo matrimonio entre persoas do mesmo sexo do que hai constancia, sendo o primeiro datado en período medieval. Casaron o 8 de xuño de 1901 na Coruña, as sete da mañá na igrexa parroquial de San Xurxo, e para acadalo Elisa tivo que adoptar unha identidade masculina. A nova da súa voda difundiuse axiña por toda España e por varios países europeos. Aínda non se sabe o que aconteceu con elas trala súa fuxida á Arxentina. A súa unión matrimonial realizouse máis de cen anos antes de que a lei permitise o matrimonio entre persoas do mesmo sexo, co que este feito pode considerarse un precedente do matrimonio homosexual en España.