Wikipedia:Sobre Galicia/abril 2021

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O pazo de Dodro é unha construción civil situada en Vigo, no concello de Dodro, e coñécese tamén co nome de pazo do marqués de Bendaña ou como pazo de Vigo. Crese que o mandou erixir Marcos Fandiño e xa existía a principios do século XVI, non obstante fíxose posteriormente de estilo barroco compostelán, dos séculos XVII e XVIII. Era propiedade do marqués de Bendaña. Frei Martín Sarmiento fai mención do pazo na súa viaxe de 1754, foi descrito por Aubrey F. G. Bell na súa obra Galicia vista por un inglés, determinando que arredor do ano 1920 o pazo e a torre seguían en pé pero medio en ruínas.

Concluída a guerra civil, e tras un acordo plenario celebrado o 4 de abril de 1938, a corporación municipal do concello de Dodro dooulle a propiedade completa do pazo a Francisco Franco. Leváronse para o pazo de Meirás as pedras do pazo, as figuras da capela, os escudos, os gravados etc. e había no pazo de Dodro unha importante biblioteca que se encontra probablemente en Meirás. Na actualidade atópase en moi mal estado de conservación e practicamente só se pode apreciar a que foi a súa capela e algunha das estancias menores. É propiedade particular ó ser vendido durante a transición española.

O concello de Dodro reclamou a devolución de parte do seu patrimonio no ano 2008 para tentar recuperar tódolos elementos posibles dun dos seus edificios máis destacados. De novo, no ano 2020, o goberno municipal de Dodro solicitou a restitución da memoria do pazo de Dodro e pediu que no inventario de bens do pazo de Meirás se identificaran as partes que puideran corresponder ó devandito pazo.