Wikipedia:Artigo destacado/xaneiro 2015

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Michael Joseph Jackson, nado en Gary, Indiana o 29 de agosto de 1958 e finado nos Ánxeles o 25 de xuño de 2009, máis coñecido simplemente como Michael Jackson, foi un cantautor, actor, músico, bailarín e home de negocios estadounidense. Chamado o Rei do Pop, a súa contribución á música, ó baile, á moda, xunto coa súa publicitada vida persoal, fixeron del unha figura da cultura popular durante catro décadas. O oitavo fillo da familia Jackson, debutou na música profesional a carón dos seus irmáns como membro dos Jackson 5 en 1968, e comezou a súa carreira en solitario en 1971. A comezos dos anos 1980, Jackson converteuse na figura dominante da música popular. Os vídeos musicais das súas cancións, como "Beat It", "Billie Jean", e "Thriller", considéranse rompedores das barreiras raciais e transformadores do medio nunha arte e nunha ferramenta de promoción. A través das actuacións nos escenarios e nos vídeos, Jackson popularizou unha morea de complicadas técnicas de baile, como o robot e o moonwalk, ós cales el deu nome. O seu distintivo son e estilo influíron en numerosos artistas de hip hop, post-disco, R&B contemporáneo, pop e rock.