Wikipedia:Artigo destacado/febreiro 2014

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Tristan und Isolde (en galego, Tristán e Isolda) é unha ópera en tres actos con música e libreto en alemán de Richard Wagner. Foi composta entre 1857 e 1859 e estreada en Múnic o 10 de xuño de 1865 baixo a batuta de Hans von Bülow. Wagner non a chamaba ópera senón Eine Handlung (drama musical). Forma parte do Canon de Bayreuth. Recoñecida amplamente como un dos cumios do seu repertorio operístico, Tristan und Isolde destaca polo uso avanzado que fai Wagner do cromatismo, a tonalidade, a cor orquestral e a suspensión harmónica. O primeiro acorde da ópera, chamado o «acorde de Tristán», considérase de gran importancia no desenvolvemento da harmonía tonal tradicional. A ópera foi moi influínte entre os compositores occidentais e serviu de inspiración a compositores como Gustav Mahler, Richard Strauss, Karol Szymanowski, Alban Berg ou Arnold Schoenberg. Moitos ven Tristan und Isolde como o comezo da fin da harmonía convencional e a tonalidade, e consideran que establece a base do movemento atonal característico do século XX.