Wikipedia:Artigo destacado/abril 2022

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A historia da moeda do Tíbet remóntase á Antigüidade, cando esta rexión asiática non realizaba aínda as súas propias cuñaxes. Utilizábanse ás veces moedas doutros territorios, aínda que o troco era unha práctica máis común, o ouro constituía un medio de intercambio e as cunchas e as doas de pedra utilizábanse para as transaccións máis pequenas.

A partir do século XVII comezou a utilizarse a moeda dun xeito máis extenso; tratábase de moedas de prata procedentes do Nepal. E entre 1763 e 1785 cuñáronse as primeiras moedas de prata tibetanas. Pouco despois, en 1792, producíronse as primeiras emisións masivas, baixo a autoridade mixta tibetano-chinesa, con lendas en ambas as linguas, ata que en 1840 xurdiu a moeda xenuinamente tibetana, que se mantivo ata 1954, coa única excepción de dous breves períodos de emisións sino-tibetanas.

En 1910, o Goberno tibetano comezou a producir unha ampla variedade de moedas de prata e de cobre con diferentes valores faciais, e entre 1918 e 1921 só se cuñaron moedas de ouro. Pola súa banda, os primeiros billetes apareceron en 1913.

Entre 1955 e 1959 non se cuñou moeda no Tíbet, aínda que se mantiña a impresión de billetes, e nese último todo o diñeiro foi substituído gradualmente polo iuan renmimbi, a moeda da República Popular da China.