Saltar ao contido

Wicca

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Menú rapido
Wicca
Correntes
Wicca británica tradicional
Outras denominacións wiccanas
Puntos básicos
Doutrina wiccana Liturxia wiccana
Gerald Gardner Historia da Wicca
Igrexa wiccana Universalismo
Ligazóns
Mundialismo
Eclecticismo
Neopaganismo

A Wicca é unha relixión neopagá influenciada por crenzas precristiás e prácticas de Europa occidental que afirma a existencia dun poder sobrenatural, como a maxia, e os principios físicos e espirituais masculinos e femeninos que se integran coa natureza, e que celebra os ciclos da vida e os festivais estacionais, coñecidos como Sabbats, os cales ocorren, polo normal, oito veces por ano.

A Wicca é unha relixión politeísta, de culto basicamente dualista, que cre tradicionalmente na Mai Tripla e no Deus con Cornos. Estas dúas deidades vense moitas veces como as caras dunha divindade panteísta maior, ou que se manifestan como varias divindades politeístas. A Wicca inclúe a práctica ritual da maxia, en parte influenciada pola maxia cerimonial, moitas veces en conxunto cun código moral coñecido como a "Wiccan Rede", aínda que non é unha regra.

Existen varias tradicións dentro da Wicca. Algunhas, como a Wicca Gadneriana e a Alexandrina, seguen a liñaxe iniciática de Gadner ou Alex Sanders. A ambas denomínaselles Wicca Tradicional Británica, e moitos dos seus practicantes consideran que o termo "wicca" só se lles pode aplicar a eles. Outras, como a Faery Wicca ou as Tradicións diánicas, teñen outras figuras como principais influencias e non se centran tanto na liñaxe da tradición. Algunhas destas tradicións neopagás non usan o termo "Wicca" para referirse a eles mesmos, preferindo "Bruxería", mentres que outros cren que todas estas tradicións poden considerarse wiccanas.

A Wicca foi difundida en Inglaterra por Gerald Gardner, popularizándose a partir do ano 1954, cando foron abolidas as últimas leis contra a bruxería en Inglaterra. Así os iniciados de Gardner crearon os seus propios covens e a Wicca esparexiuse máis alá de Inglaterra, por Europa e, impulsada por Raymond Buckland, polos Estados Unidos.

Inspírase na mitoloxía celta, sumeria, exipcia, romana, grega etc., e, a nivel cerimonial, nas prácticas da maxia ritual e natural, aínda que hoxe en día cada grupo ou persoa adapta a mitoloxía que coñece ou tamén adoita usar a mitoloxía autóctona do lugar no que vive.

O goberno dos Estados Unidos recoñece a Wicca como unha relixión e o exército norteamericano incluíu unha sección no manual de instrucións para capeláns verbo da Wicca, que contén unha descrición detallada da relixión así como das consideracións necesarias que se deben ter en conta ante este grupo relixioso.

En España hai legalizadas dúas tradicións locais no Rexistro de Entidades Relixiosas, así como outras como outro tipo de asociacións.

Crenzas e conceptos principais

[editar | editar a fonte]

As crenzas difiren moito entre practicantes individuais e as distintas tradicións, xa que non existe organización central que marque o canon da ortodoxia. O nexo que une todas as tradición son os conceptos básicos e éticos acadados no primeiro concilio de Meigas do Consello Americano de Bruxos en 1974, así como a forma estrutural básica para os rituais e celebracións festivas, dados en gran parte polo mesmo Gadner. Estes son elementos clave das ensinanzas tradicionais e das obras publicadas, que adoitan dar un esbozo destas materias xerais.

Nas formas tradicionais da wicca emprégase un libro sagrado denominado Libro das Sombras, mantido en segredo excepto para os iniciados e pertencentes á tradición. É en realidade un grimorio, que comprende tódolos rituais e a sabedoría da persoa ou coven correspondente, aínda que gran parte das ensinanzas seguen a ser orais. Propuxéronse nestas últimas décadas diversos Libros das Sombras públicos, como por exemplo o editado por Lady Sheba (alcume da autora Jessie Wicker Bell) en 1970. Algúns textos publicados, orixinalmente por Doreen Valiente, tiveron grande acollida, como a Rede Wicca ou A encomenda da Deusa, sendo adoptados polos practicantes. Pola contra, nas formas eclécticas utilízase o Libro das Sombras dunha forma dinámica, como «diario», recompilando a información a medida que se aprende, experiencias, reflexións etc.

Dada a amplitude de perspectivas, algúns dos conceptos principais son:

Wicca tradicional e Wicca ecléctica

[editar | editar a fonte]

Nas tradicións con liñaxe ou wicca tradicional (derivadas dos iniciados polo propio Gerald Gardner) considérase que a relixión é unha variedade máis de bruxería pagá, con prácticas, crenzas, estrutura organizativa e iniciática específicas. Constitúe unha sociedade secreta e exclusiva de bruxería, á que se ten acceso mediante a iniciación por outro membro, e coas sucesivas "iniciacións" ou graos avánzase no saber da relixión. As persoas iniciadas convértense en sacerdotes e sacerdotisas dos Antigos Deuses.

A wicca ecléctica deriva da tradicional. Nestas ramas atópase en xeral unhas estruturas rituais e uns principios éticos moi parecidos aos da wicca tradicional, a partir do material publicado e das contribucións dos diferentes autores wiccanos (moitos deles tradicionais) que crearan as súas propias tradicións. Na Comunidade Ecléctica a xerarquía ten un papel menos importante.

Cómpre distinguir o concepto de "wiccano ecléctico" (persoa que non se adscribe a ningunha tradición concreta da wicca) que non se debe confundir co concepto de "wiccano solitario" (persoas que practican e estudan pola súa conta).

A wicca non é proselitista nin busca adeptos. Aínda por riba os grupos iniciáticos poden denegar a entrada a persoas que non cumpran cos requisitos mínimos que significa ser iniciado, é dicir, converterse en sacerdote ou sacerdotisa e afrontar as responsabilidades que isto carrexa.

Os deuses

[editar | editar a fonte]
Icona da Deusa Tripla.

Para moitos practicantes desta relixión xira ao redor aos deuses, o Deus Pai e a Deusa Nai, que encarnan as forzas da natureza e corresponden a mitoloxía asociada aos cultos da fertilidade. O Deus e a Deusa son observados como polaridades complementarias e o seu balance expresa a mesma polaridade masculino-feminina que pode verse na natureza. Nalgunhas ocasións son simbolizados co Sol e a Lúa; por estas asociacións lunares, a Deusa é concibida nun aspecto de Trindade como Moza, Nai e Anciá. Para moitos wiccanos, a Deusa ten un papel preeminente ó ser a que todo o concibe. O Deus Hastado é a chispa da Vida dentro de Ela, ó tempo que é amante e fillo da Deusa. Morre e renace en cada ciclo anual, como representación das colleitas. A Señora da Vida mantén un ciclo mensual relacionado coas fases da lúa.

Icona do Deus Hastado.

Segundo Gardner, as divindades veneradas na wicca son antigos deuses indíxenas das Illas Británicas: un Deus Hastado da caza, a morte e a maxia, que goberna no Alén; e unha Gran Deusa Nai, que outorga a vida e a rexeneración após ela. Do mesmo modo, aconsella que os bruxos que non sexan británicos busquen as conexións cos deuses aborixes do seu territorio. Nas ramas tradicionais, os nomes exactos dos deuses seguen a ser parte do segredo iniciático e non foron publicados en ningún libro. Nestes anos, suxeríronse algúns nomes públicos xenéricos, como Cernunnos e Aradia.

Unha crenza clave na wicca é que os deuses poden manifestarse de maneira persoal e corpórea, sendo a máis importante a través do corpo dos seus sacerdotes e sacerdotisas. Esta manifestación é o obxectivo do ritual de baixar a Lúa ou baixar o Sol onde se invoca a Deusa para que descenda ó corpo da sacerdotisa (ou o Deus no sacerdote) para levar a cabo a posesión divina.

Por outra banda, a relación exacta cos deuses e o entendemento destes é parte da experimentación individual de cada sacerdote/sacerdotisa. Por isto desenvolvéronse diferentes variantes de interpretación nestas décadas: algúns wiccanos son politeístas, xa que os diferentes deuses mitolóxicos ademais dos deuses da wicca son vistos como independentes e personalizados entre si. Outros interprétanos como formas de pensamento, ou incluso arquetipos (segundo o famoso psicólogo Jung) que encarnan diferentes forzas naturais.

Na Comunidade Ecléctica está moi estendida unha concepción puramente diteísta da relixión, considerando só dúas grandes figuras xenéricas, a Deusa (da Lúa, a terra e o mar) e o Deus (do bosque, a caza e os animais). As parellas mitolóxicas de diferentes panteóns encarnarían os rostros do Deus e da Deusa. Tamén se fíxo popular unha especie de politeísmo suave, no que os diferentes deuses e deusas de tódalas culturas son vistos coma facetas desta parella divina, teñan ou non conexión cos conceptos de fertilidade e deuses que representan.

Na wicca tamén hai un compoñente de animismo, xa que se considera inmanentes aos deuses; a natureza é sagrada en si mesma como manifestación da divindade.

Os Elementos

[editar | editar a fonte]

Os elementos básicos tamén son parte importante da cosmovisión wiccana. As manifestacións naturais expresan algún dos catro elementos arquetípicos: Terra, Aire, Lume e Auga, ou combinacións destes. Acostúmase a engadir un quinto elemento denominado Espírito (Éter ou Akasha). Os elementos son simbolizados polo Pentagrama, que entre outras cousas representa os catro elementos co Espírito na parte de enriba. Ao trazar o círculo máxico para os rituais relixiosos, alén dos deuses invócase os catro elementos que se corresponden cos catro puntos cardinais. Seguindo a orde: Leste, Sur, Oeste e Norte.

O pentáculo, icona empregada pola Wicca como símbolo de fe.

Organización

[editar | editar a fonte]

Os practicantes pódense agrupar en grupos denominados Covens, que teñen tradicionalmente un máximo de 13 integrantes. Os covens son independentes uns doutros, aínda que sigan a mesma tradición.

Na comunidade ecléctica non é requisito pertencer a un coven, e os practicantes estudan e practican en solitario podendo asistir eventualmente a encontros e reunións festivas ou aquelarres con outros practicantes.

Tradicións

[editar | editar a fonte]

As principais tradicións wiccanas son:

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]