W. Michael Hanemann

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaW. Michael Hanemann
Biografía
Nacemento26 de agosto de 1944 (79 anos)
Manchester, Reino Unido Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeEstadounidense
EducaciónUniversidade de Oxford, Universidade Harvard
Actividade
Campo de traballoEconomía ambiental
Ocupacióneconomista Editar o valor em Wikidata
EmpregadorUniversidade Estatal de Arizona
LinguaLingua inglesa Editar o valor em Wikidata
Premios


William Michael Hanemann, nado en Manchester o 26 de agosto de 1944, é un académico inglés dos campos da economía ambiental e dos recursos. Na actualidade é profesor Julie A. Wrigley na Escola de Sostibilidade e o Departamento de Economía da Universidade Estatal de Arizona[1]. Leva máis de catro décadas casado con Mary Hanemann.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

W. Michael Hanemann licenciouse en Filosofía, Políticas e Economía pola Universidade de Oxford en 1965 e obtivo un máster en Economía do Desenvolvemento pola London School of Economics en 1967. Tamén conta cun máster en Finanzas Públicas e Teoría da Decisión e un doutoramento en Economía pola Universidade Harvard, obtidos en 1973 e 1978, respectivamente.

Previamente á súa posición actual en Arizona, Hanemann foi asistente na London School of Economics (1967-1968), axudante de cátedra na Universidade Harvard (1970-1975) e, entre 1976 e 2011, profesor de economía ambiental e dos recursos no Departamento de Economía Agraria e dos Recursos da Universidade de California, Berkeley, onde aínda colabora. Tamén foi director do Centro de Cambio Climático de California (2003-2006), membro do Comité Asesor en Economía Ambiental da Axencia de Protección Ambiental dos Estados Unidos (2000-2006) e autor líder do Quinto Informe de Avaliación do IPCC (2011-2014).[Cómpre referencia]

A comezos de 2015 Hanemann publicara máis de 70 artigos avaliados por expertos en revistas e máis de 15 libros e capítulos de libros, sendo un dos economistas ambientais e dos recursos máis exitosos en citacións de artigos de revista[2]. As súas publicacións aparecen regularmente nas revistas de economía máis importantes e ten máis de 10.000 citacións en Google Académico, cinco contribucións con máis de 1.000 citacións e máis de 35 con máis de 100 citacións[3]. As súas investigacións céntranse na economía ambiental, cubrindo diversos aspectos como modelización e simulación, comportamento de elección, conservación, regulación ambiental, valoración económica ou metodoloxía de valoración non de mercado utilizando técnicas de preferencias tanto declaradas como reveladas. Fixo contribucións transcendentais en polo menos tres áreas da economía ambiental e dos recursos: i) métodos de cuantificación do valor dos servizos ambientais que non se comercializan nos mercados; ii) o estudo dos impactos do cambio climático na agricultura; e iii) regulación e fixación de prezos da auga. As súas contribucións intelectuais tamén inspiraron moitos artigos de revista e disertacións doutros autores, e foi mentor de académicos destacados e influentes[4].

Premios[editar | editar a fonte]

Entre outros moitos galardóns, é Membro da Academia Nacional de Ciencias dos Estados Unidos[5], da Asociación Americana de Economía Agraria e da Asociación de Economía Ambiental e dos Recursos. En 2008, a EAERE concedeulle o Premio Europeo á Traxectoria en Economía Ambiental[6]. Tamén é Doutor honoris causa pola Universidade de Ciencias Agrícolas de Suecia (2003) e pola Universidade de Vigo (2015)[7].

Obra[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Arizona State University's School of Sustainability". Arquivado dende o orixinal o 10 de setembro de 2014. Consultado o 27 de xaneiro de 2015. 
  2. "Giannini Foundation of Agricultural Economics" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 08 de abril de 2016. Consultado o 27 de xaneiro de 2015. 
  3. Google Scholar
  4. Agricultural & Applied Economics Association
  5. National Academy of Sciences
  6. "European Association of Environmental and Resource Economists". Arquivado dende o orixinal o 03 de abril de 2015. Consultado o 27 de xaneiro de 2015. 
  7. Diario da Universidade de Vigo