Voo 111 de Swissair

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Voo 111 de Swissair
O avión do accidente dous meses antes.
Resumo
Data  2 de setembro de 1998
Causa  lume a bordo[1]
Lugar  océano Atlántico
Coordenadas  Coordenadas: 44°24′33″N 63°58′25″O / 44.409166666667, -63.973611111111
Orixe  Aeroporto John F. Kennedy
Destino  Aeroporto de Xenebra
Finados  229 (todos)
Aeronave
Tipo de aeronave McDonnell Douglas MD-11
Operador  Swissair
Rexistro  HB-IWF
Pasaxeiros  215
Tripulación  14
Superviventes  0

O voo 111 de Swissair (IATA: SR111, ICAO: SWR111) era un voo regular de pasaxeiros entre Nova York e Xenebra. O voo tamén tiña un código compartido con Delta Air Lines. O 2 de setembro de 1998 o McDonnell Douglas MD-11 que realizaba ese voo, con rexistro HB-IWF, estrelouse no océano Atlántico ao sueste do Aeroporto Internacional de Halifax na entrada da baía de St. Margarets, en Nova Scotia. O lugar do accidente estaba a 8 quilómetros da costa, aproximadamente equidistante ás pequenas comunidades pesqueiras e turísticas de Peggys Cove e Bayswater. Os 229 ocupantes do avión morreron, sendo o accidente con máis mortes dun McDonnell Douglas MD-11,[2] e o segundo peor accidente aéreo no Canadá, tras o voo 1285 de Arrow Air, ocorrido en 1985 e onde morreron 256 persoas.

As operacións de busca e rescate, de recuperación dos restos e a investigación do goberno do Canadá duraron catro anos e custaron 57 millóns de dólares canadenses.[3] O informe da investigación do Consello de Seguridade no Transporte do Canadá (TSB) afirmou que material inflamable usado na estrutura do avión permitiu que un lume se espallase máis aló do control da tripulación, resultando nunha perda de control e no accidente do avión.[1]

O voo 111 de Swissair era coñecido como a "lanzadeira da ONU" debido á súa popularidade entre os funcionarios das Nacións Unidas; o voo tamén transportaba executivos, científicos e investigadores.[4]

Avión e tripulación[editar | editar a fonte]

A avión, un McDonnell Douglas MD-11 con 7 anos de idade, e con número de serie 48448 e rexistro HB-IWF, fora fabricado en 1981 e Swissair fora o seu único operador. Foi bautizado como Vaud, na honra do cantón suízo do mesmo nome. A cabina estaba configurada para transportar 241 pasaxeiros. A primeira clase e a clase business estaban equipadas con sistemas de entretemento en voo (IFE polas súas siglas en inglés). O aparello tiña tres motores turbofán Pratt & Whitney 4462 e levaba acumuladas unhas 36 000 horas de voo antes do accidente.[1]

O piloto ao mando era Urs Zimmermann, de 50 anos de idade. No momento do accidente teña unhas 10 800 horas de voo, das cales 900 eran nun MD-11. Tamén era piloto instrutor para ese modelo. Antes da súa carreira en Swissair fora piloto de caza na Forza Aérea de Suíza. Zimmermann foi descrito como unha persoa amigable con habilidades profesionais, que sempre traballaba con exactitude e precisión.[1]

O primeiro oficial era Stefan Löw, de 36 anos, e tiña unhas 4 800 horas de voo, das cales 230 foran voando o MD-11. Löw era instrutor do MD-80 e do A320. De 1982 a 1990 fora piloto na Forza Aérea de Suíza.[1]

A tripulación de cabina estaba formada por un encargado e once asistentes de voo. Todos os tripulantes estaban cualificados, certificados e adestrados segundo as regulacións suízas.

Accidente[editar | editar a fonte]

O avión engalou do aeroporto internacional John F. Kennedy ás 20:18 EDT (00:18 UTC) do 2 de setembro. Dende as 20:33 ata as 20:47 EDT (00:33-00:47 UTC), o avión experimentou un silencio de radio que posteriormente se comprobou que fora debido a erros de sintonización da radio.

Ás 22:10 AT (01:10 UTC), a tripulación detectou un olor na cabina de mando e determinou que era fume do sistema de aire acondicionado. Catro minutos despois o olor volveu e o fume fíxose visible, levando aos pilotos a realizar unha chamada de radio "pan-pan-pan" ao control de tráfico aéreo de Moncton, o centro de control a cargo do tráfico sobre a provincia canadense de Nova Escocia. A chamada pan-pan-pan indicaba que había unha urxencia debido a fume na cabina pero non se declarou unha emerxencia usando a chamada "mayday". A tripulación solicitou un desvío ao aeroporto internacional Logan en Boston, a 433 km de distancia, antes de aceptar o ofrecimento dos vectores de radar do control de Moncton ao máis próximo Aeroporto de Halifax-Stanfield en Enfield, Nova Escocia, a 104 km de distancia.[1]

Ás 22:18 AT (01:18 UTC), o centro de Moncton pasou o control a Halifax, a estación de control de tráfico aéreo encargada do tráfico de entrada e saída ao aeroporto de Halifax. Tras ser avisados polo control de Halifax de que estaban a 56 km do aeroporto, a tripulación solicitou máis distancia de voo para poder descender o avión con seguridade dende a súa altura de 21 000 pés (6 400m). A tripulación solicitou entón desfacerse de combustible para reducir o seu peso na aterraxe. Halifax envioiu entón ao avión ao sur, cara a baía de St. Margaret,[1] onde podía soltar combustible con seguridade mentres estaba dentro das 40 millas de distancia ao aeroporto.[1]

Segundo a lista de comprobacións de Swissair "no caso de fume de orixe descoñecida", a tripulación apagou a potencia da cabina, o que tamén apagou os ventiladores de recirculación no teito da cabina. Isto fixo que o lume se estendese á cabina, cortando finalmente a potencia do piloto automático do avión. Ás 22:24:28 AT (01:24:28 UTC) a tripulación informou a Halifax que "agora debemos voar manualmente", tras unha declaración de emerxencia. Dez segundos despois a tripulación declarou emerxencia novamente dicindo "...e estamos declarando emerxencia agora, Swissair un once"; esta foi a derradeira transmisión recibida do voo 111.[1]

A gravadora de datos de voo da aeronave deixou de funcionar ás 22:25:40 AT (01:25:40 UTC), seguido un segundo despois pola gravadora de voces de cabina. O transpondedor do aparello retomou brevemente a transmisión de retorno do radar secundario dende as 22:25:50 ata as 22:26:04 AT (01:25:50-01:26:04 UTC), momento no cal o avión estaba a unha altura de 9 700 pés. Despois disto o aparello só puido ser rastreado a través do radar primario, que non proporciona información da altura.[1]

Ás 22:31:18 AT (01:31:18 UTC) o avión chocou contra o océano a unha velocidade de 555 km/h, e cunha forza duns 350 g, causando que o aparello se desintegrase instantaneamente.[1]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 1,10 TSB (ed.). "Informe final do accidente" (PDF). Consultado o 16 de xaneiro de 2017. 
  2. Aviation Safety Network (ed.). "Accidentes de MD-11". Arquivado dende o orixinal o 03 de marzo de 2016. Consultado o 16 de xaneiro de 2017. 
  3. PBS.org (ed.). "Nova: Crash of Flight 111". Consultado o 16 de xaneiro de 2017. 
  4. USA Today (ed.). "Doomed plane's gaming system exposes holes in FAA oversight". Consultado o 16 de xaneiro de 2017.