Viola de arco

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Viola de arco
vihuela de arco, fídula, viela
Información
Clasificacióncorda fretada

A viola de arco, vihuela de arco, fídula ou viela é un instrumento de corda fretada semellante ao violín, aínda que cun corpo algo máis longo e profundo, de tres a cinco cordas e un clavixeiro. O son obtense ao frotar as cordas cun arco, tendo o instrumento apoiado no peito ou na coxa. Alcanzou gran popularidade na Idade Media, sendo empregado polos trobadores e os xograres desde o século XIII ao século XV. É un instrumento que deixouse de usarse en Europa fai varios séculos. Na actualidade só utilízano músicos especializados en música antiga e pobos da amazonía ecuatoriana.[1]

Descrición[editar | editar a fonte]

Miniatura mozárabe dun Beato do ano 900-950. BNE Vitr. 14/1. Folio 130r.
Capitel da catedral de Jaca (c. 1080), que representa ao rei David tocando no seu trono unha vihuela de arco xunto con outros músicos.

Durante a Idade Media os instrumentos de corda fretada non respondían a un estándar construtivo, pois os violeiros experimentaban constantemente. Posuía entre tres e cinco cordas de tripa, de seda ou, segundo algunha crónica, de metal; ás veces engadíase un bordón lateral. A caixa de resonancia podía ser plana ou algo convexa e ter forma de óvalo, de pinga de auga ou améndoa, de pera, de rectángulo coas esquinas redondeadas ou de oito, similar á moderna guitarra. A tapa da caixa de resonancia adoitaba presentar orificios curvos, normalmente dous. O seu mastro carecía de trastes, era curto e acabado nun clavixeiro. O arco, como tódolos anteriores ao período clásico, ten a súa curva cara a fóra como o arco de tiro.

A viola de arco era un instrumento moi versátil, cun son máis grave que o seu contemporáneo o rabel medieval. Admitía varias afinacións (a de tres cordas probablemente afinábanse basicamente por quintas) e adoptou moitas formas e rexistros, desde sopranos até graves. Johannes de Grocheo, en De Musica (c. 1300), sinalaba: «a fídula ["viella"] inclúe a todos os outros instrumentos... Un bo artista pode tocar coa fídula calquera cantus e cantilena, así como calquera forma musical en xeral».[2]

Constaba de tres a cinco cordas entre os séculos X e XIII, cun menor número canto máis antigo era o instrumento. Podía tocarse apoiado no peito ou na coxa (á maneira do rabel oriental), postura que dará orixe a viola de gamba renacentista. Estas violas de arco darán lugar aos instrumentos renacentistas homónimos e á familia de violíns do Barroco.

Vihuela de arco e vihuela de péñola nas Cantigas de Santa María de Afonso X o Sabio.

Dada a carencia de instrumentos sobreviventes, as reproducións actuais efectúanse a partir da iconografía, fundamentalmente a escultura. O Pórtico da Gloria en Santiago de Compostela ten varios modelos en mans dos 24 anciáns que alí están esculpidos. Tamén se documenta no capitel do Rei David tocando con outros músicos da Catedral de Xaca.

Entre as fontes literarias medievais que nomean a este instrumento destacan na primeira metade do século XIII o Libro de Alexandre «albogues e salterio, çitola que máis trota / guitarra e viola que as cuytas enbota» (estrofa 1545), o Libro de Apolonio (c. 1250) «priso una vihuela e sópola temprar» (est. 185), «priso una viola boa e ben temprada» (est. 426) e, na primeira metade do século XIV, o Libro de bo amor «a viuela de arco face doces devailadas» (est. 1231), «arábigo non quere a viuela de arco» (est. 1516).[3]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Isabel Hungría (25 de agotsto 2020). Diario El Télegrafo, ed. "La vihuela de arco, el instrumento europeo que se niega a morir en los pueblos amazónicos". Ecuador. Consultado o 28 de agosto de 2020. 
  2. Apud Remnant (2002:52).
  3. Cfr. Rey, art. cit. y Porras Robles, loc. cit.

Referencias bibliográficas[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]