Saltar ao contido

Vila baixorromana de Camarzana de Tera

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:Xeografía físicaVila baixorromana de Camarzana de Tera
Imaxe
Tipovila romana
estrutura romana Editar o valor en Wikidata
Localización
División administrativaCamarzana de Tera, España (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Mapa
 41°59′43″N 6°01′44″O / 41.995142, -6.028942
Características
Ben de interese cultural

A vila romana de Camarzana de Tera é unha edificación romana situada en Camarzana de Tera (provincia de Zamora). Foi localizada no século XIX durante a construción da estrada entre Benavente e Ourense (actual N-525), ao apareceren varios fragmentos de mosaico que foron depositados no Museo de Zamora. Estudosos como Manuel Gómez-Moreno suxiren a posibilidade de que a ábsida da actual igrexa parroquial reciclase unha das estancias principais da vila. No ano 2007 realizáronse diversas escavacións que permiten comprobar o interese da descuberta e a súa singularidade dentro da Gallaecia e mesmo dentro da Península Ibérica, onde non son frecuentes os restos de mosaico conservados.

Escavacións

[editar | editar a fonte]

As escavacións arqueolóxicas sacaron á luz 15 habitacións articuladas arredor dun perístilo -ou patio porticado-, cunha estancia destacada, posiblemente un triclinium cun mosaico figurado cun emblema central en que se representa a Orfeo rodeado de animais e arredor oito cartelas con representacións de cabalos e o seu nome epigrafado con teselas. A existencia de textos teselados é altamente excepcional nesta zona da Península Ibérica.

Nos cadros centrais afrontados aparecen cráteras con felinos rampantes. A imaxe central aparece rodeada por escenas de cacería nas que se dá conta de animais como xabarís ou cervos. Entre estas escenas nos laterais curtos aparecen cráteras con felinos e vides das que saen acios e varios paspallases. O tema de Orfeo pacificando as feras aparece noutros dez mosaicos documentados na Península Ibérica. Ademais existen outras seis habitacións cubertas con mosaicos. Os corredores que delimitan o perístilo están enfeitados con mosaicos de temas xeométricos segundo o esquema de peltas, moi ben conservado. No posible oecus, o mosaico do pavimento representa unha figura humana que terma co brazo dunhas rendas de coiro craveteado que amarran, posiblemente, un boi podendo corresponder a unha representación do mito do rapto de Europa. A escena está rodeada por unha greca cun tritón entre cornucopias. Hai, tamén, outras estancias sitas a un nivel máis elevado en que tamén se localizan motivos figurativos de gran cualidade, entre os que hai unha figura feminina adobiada con alfaias e fíbulas.

A súa situación nun dos vales máis fértiles da rexión e a súa proximidade ao trazado da vía Astúrica-Brácara Augusta convértea nun enclave fundamental para completar o coñecemento sobre o artellamento da poboación e a explotación económica do territorio na época baixoimperial na Gallaecia.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]

Falta algunha imaxe que ilustre o artigo
 Este artigo non contén imaxes. Pode axudar cargando imaxes, na Galipedia ou na Wikimedia Commons, relacionadas co contido do artigo, ou incluíndo unha xa existente.
 Debe ter en conta as políticas de uso de imaxes e o respecto polos dereitos de autoría.