Viño xeneroso

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O viño xeneroso, ou fortalecido ou fortificado, é aquel viño que, no seu proceso de elaboración, incorpora procesos especiais para aumentar a súa estabilidade e aumentar a súa graduación alcohólica, sen perder por iso a súa condición de derivado natural da uva.

Este tipo de viños naceu nos séculos XVI e XVII, como resultado da investigación de métodos para preservar o viño contra as condicións prexudiciais que implicaba o seu transporte, dende os países europeos produtores até os consumidores.

A técnica máis común para fortificar o viño consiste en engadir brandy durante ou antes do proceso de fermentación, resultando un viño de maior graduación alcohólica (17 a 25 graos Gay Lussac), de maior textura e sabores máis fortes. Xeralmente, este tipo de viños son máis doces debido aos azucres que non conseguiron fermentarse. Tamén ten maior estabilidade: unha vez aberta unha botella de viño fortificado, esta pode durar varios meses sen perder as súas propiedades ao gusto.

Viños xenerosos coñecidos son o de Xerez (España), o viño do Porto, o viño de Madeira (Portugal); ou o de Marsala (Italia).

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Viño xeneroso