Venus de Urbino

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Venus de Urbino
Tizian 102.jpg
Artista Tiziano
Data 1537
Técnica óleo sobre tea
Dimensións 119 cm × 165 cm
Localización Galería Uffizi

Venus de Urbino, tamén chamada A Venus do cadeliño, é unha célebre pintura ao óleo sobre lenzo cuxas dimensións son de 119 cm x 165 cm, realizada en 1538 polo pintor italiano Tiziano. A pintura, cuxo comitente foi Guidobaldo II della Rovere[1] entón fillo do duque de Urbino e que a denominou simplemente "a muller espida"[2], presenta un feixe de significados ocultos, aínda que a opinión máis común é que foi un agasallo para a súa esposa, Giulia Varano, e representa unha alegoría do matrimonio[1] con finalidade didáctica na que se destacan valores como a fidelidade, o erotismo e a maternidade. En 1631 este cadro atopábase na colección dos Médicis, e foi en 1736 cando chega á Galería Uffizi (Florencia)[3], onde continúa.

Descrición[editar | editar a fonte]

O cadro presenta a unha moza espida semidistendida sobre un luxoso leito no interior dun cassone ou palacete veneciano. No fondo obsérvase unha grande fiestra por onde entran lixeiros reflexos da lagoa e obsérvase o ceo tras unha árbore, á beira de tal fiestra atópanse dúas criadas case enigmaticamente de costas acomodando roupas nun arcón, tal arcón semella evocar ao mito da caixa de Pandora. Mentres que aos pés da moza espida dorme un cadelo, cuxa presenza é signo de que a representada non é unha deusa, senón unha muller real, aínda que non se sabe exactamente quen é. O can, típica alegoría da fidelidade aquí aparece, suxerentemente, durmido.

Identificación

Dende sempre foi un misterio quen é a muller representada no cadro. Algúns autores falan da posibilidade dunha amante do duque, abandonada para casar con Giulia Varano.Outros aseguran que sería Eleonora Gonzaga, muller de Francesco de Urbino, pai de Guidobaldo, pola semellanza dos rascos faciais con outro retrato da dama, mais resulta case imposible que unha muller de posición posara espida para o pintor, que tal vez se inspirara nos seus rascos sen chegar a facer un retrato propiamente. A hipótese máis acaída, e comprobada noutros casos, é que fora unha prostituta pois era, relativamente, común que as familias humildes entregaran as fillas fermosas a ricos cabaleiros para asegurarlles a supervivencia[3].

Análise[editar | editar a fonte]

Aínda que esta pintura está directamente inspirada na Venus durmida do Giorgione, que debido á morte deste foi rematada polo propio Tiziano[3], é evidente que se afasta do idealismo característico do Renacemento italiano. A maior diferenza coas Venus típicas é que a moza aparece obviamente consciente e orgullosa da súa beleza e o seu espido, non existe ningún elemento que provoque a sensación dun distanciamento "divino": ela mira dun xeito doce, cómplice e decidido a quen a observa mentres a súa man esquerda apóiase sobre a pube que se sitúa no centro da composición.

As flores na man dereita resaltan o aura de erotismo xa reforzada pola luz case dourada que ilumina ao corpo. A cor clara e cálido de corpo produce unha impresión de sensual indolencia, realzada no contraste co escuro do fondo e o colchón; en efecto, a cor escura do lenzo da parede provoca unha cesura na mirada que entón se centra no corpo da muller. A fuga da perspectiva diríxese cara á dereita e está acentuada polas criadas figuradas totalmente vestidas e con tons fríos que achegan unha cota de realismo, a presenza da columna e a árbore no punto de fuga, e os sucesivos planos iluminados e sombreados que se resaltan nas baldosas. Todo isto fai destacar á moza espida que se atopa disposta nunha elegante liña oblicua.

Aínda que a obra mantén elementos do Giorgione, Tiziano innova ao expor claramente a voluptuosidade por mor do tratamento resolto do espido e á grande pureza formal do conxunto.

Influencias[editar | editar a fonte]

Esta obra do Tiziano foi o motivo principal de inspiración para a Olympia de Édouard Manet[4], que realizara unha copia da obra de Tiziano nunha viaxe a Italia en 1853[5].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 "Sitio oficial da Galería dos Uffizzi". Consultado o 15-03-2017. 
  2. Honour, Hugh; Fleming, John (1987). Historia del arte. Reverté. p. 373. ISBN 84-291-1441-6. 
  3. 3,0 3,1 3,2 López Mato, Omar (2008). Desnudo de mujer. Historias ocultas en las obras maestras. Buenos Aires: Olmo Ediciones. p. 28. ISBN 978-987-1555-00-0. 
  4. Seraltz, Maurice (1992). El Impresionismo. Publicaciones Cruz O. p. 34. ISBN 968-20-0182-X. 
  5. Brodskaya, Natalia (2012). Manet. Parkstone Internacional. p. 5. ISBN 978-1-78042-699-0. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • López Mato, Omar (2008). Desnudo de mujer. Historias ocultas en las obras maestras. Buenos Aires, Olmo Ediciones

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]