Pandora (muller de Epimeteo)
![]() | Atención: Este artigo ou apartado precisa dun traballo de revisión.
Cando os problemas se resolvan, retire esta mensaxe, pero non quite esta mensaxe ata que estea todo solucionado. De ser posible, sería mellor substituír este marcador por outro máis específico. (Desde abril de 2022) |

Segundo a mitoloxía grega, Pandora (que significa doadora ou portadora de todo, chea de virtudes) foi a primeira muller,[1] creada por Hefesto e Atenea por mandado de Zeus coma castigo para a raza humana.
Prometeu, que xa creara o primeiro home de arxila, reveláralle o segredo do lume á humanidade e colleu o lume divino para llo entregar ós homes (ben do carro de Helios, ben da forxa de Hefesto), levándoo nunha cana oca.[2] Indignado, Zeus advertiu así a Prometeu:
"Grande mágoa ha de caer sobre ti e para os homes vindeiros. A estes, no canto do lume, dareilles un mal co que todos se divirtan no seu corazón ó acariña-lo mal".(Hesíodo: Traballos e días 54-58)
Creación de Pandora[editar | editar a fonte]
Encargoulle a Hefesto que moldeara con arxila unha figura de muller á imaxe das deusas, e o resto dos deuses olímpicos colaboraron na obra concedéndolle cadansúa calidade: Atenea vestiuna, as Grazas enxoiárona, as Horas cubrírona de flores, Afrodita deulle a súa beleza e así, a habilidade manual, a capacidade de persuasión etc. O último foi Hermes, que lle conferiu a mentira, a maldade, o carácter voluble e a falta de intelixencia. Para Hixino (Fábulas 142), foi creada por Vulcano (Hefesto) e Minerva (Atenea) doulle a vida, e despois os resto dos deuses concedeulle un don.
Rematada a figura, Zeus insufloulle vida e enviou a Pandora á terra como regalo dos deuses á humanidade. Pese a que Prometeo lle ordenara ao seu irmán Epimeteo que non aceptase ningún presente de Zeus, de quen non se fiaba, Epimeteo, engaiolado pola beleza de Pandora, non lle obedeceu e casou con ela.
"O famoso coxo [é dicir, Hefesto] modelou por decisión do Crónida [Zeus, fillo de Cronos] algo semellante a unha respetable doncela; adornouna cun vestido de destacada brancura a deusa Atenea; cubriuna cun veo, feito á man, admirable de ver; encantadoras coroas de fresca herba trenzada con flores colocoulle en torno á súa cabeza Palas Atenea; na súa cabeza cinguiu un diadema de ouro que fixo el mesmo, o famoso coxo, coas súas mans".(Hesíodo: Teogonía 571-581)
"...O pai dos deuses e homes ordenou ó ilustre Hefesto mesturar o máis pronto posible a terra coa auga, infundir voz e forza humana e asemellar no seu rostro ás deusas inmortais, a unha fermosa e encantadora figura de doncela. Logo deu ordes a Atenea para que a ensinase as súas obras, a tecer a tea traballada con moita arte, e á dourada Afrodita para que vertese en torno á súa cabeza encanto, irresistible sensualidade e caricias devoradoras de membros, e a Hermes ordenoulle infundir nela cínica intelixencia e carácter voluble"(Hesíodo: Traballos e días 58-69)
-
Os deuses Atenea e Hermes conceden os seus dons a Pandora
-
Hermes transporta a Pandora á terra
-
Hermes entrega a Pandora a Epimeteo
Hesíodo conta que Prometeo lograra capturar os males e encerralos nunha vasilla, máis propiamente unha xerra coñecida hoxe erroneamente como caixa de Pandora, cerrada para que nada escapara dela. Pero Pandora, chea de curiosidade por saber qué contiña a vasilla que o seu marido lle prohibira abrir, quitou a tapa e saíron todos os males para esparexerse pola Terra. Só quedou dentro a Esperanza, no fondo, pois Pandora conseguiu pechar a xerra, aínda que tarde. Outras fontes din que foi Pandora quen traía a ánfora e que a abriu en canto pisou a terra.
"Dela [de Pandora] procede a liñaxe das femininas mulleres, pois funesto é a liñaxe e a estirpe das mulleres. Gran desgraza para os mortais, cos homes habitan non como compañeiras da perniciosa pobreza, senón na abundancia".(Hesíodo: Teogonía 571-581)
Existe tamén a tradición contraria: a vasilla traída por Pandora como regalo de Zeus en realidade tiña os bens e tratábase dun regalo de voda de Zeus para Epimeteo. Cando Pandora a abriu, escaparon todos para regresar ó Olimpo, excepto a esperanza.
En calquera caso, os homes quedaron con tódolos males e só conservaron o pobre consolo da esperanza. Por iso dicimos que "a esperanza é o último que se perde".

Epimeteo e Pandora tiveron unha filla, Pirra, que casou con Deucalión, fillo de Prometeo. Ámbolos dous foron as únicas persoas que sobreviviron ao diluvio que Zeus mandou sobre a humanidade para destruír a raza de bronce[3], na versión grega do diluvio universal, e posteriormente volveron crear homes e mulleres para repoboar a terra.
Iconografía[editar | editar a fonte]
O atributo característico de Pandora na arte é unha xerra ou, modernamente, unha caixa ou cofre. E os momentos representados son o da súa creación (ou nacemento) e o momento no que abre a caixa e escapan os males.
A figura de Pandora foi pouco tratada na iconografía antiga, e concéntrase case toda na Atenas do século V a. C., momento en que Sófocles publica a súa traxedia Pandora.
Pero rexurdirá con forza no Renacemento, quizais pola semellanza do mito de Pandora con Eva. Así, Cousin pinta Eva prima Pandora (1549), representando a Pandora recostada, case espida, xunto a dúas xerras e apoiada nunha caveira. A partir de entón numerosos pintores recollen a imaxe, desde Velázquez (Os deuses colman de regalos a Pandora) ó prerrafaelista Waterhouse.
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ Segundo Hesíodo, a primeira muller á quen os deuses deron forma (Hesíodo: Teogonía I, 7, 2).
- ↑ Cómpre advertir que este relato presupón unha humanidade, á que axudou Prometeu, formada só por homes.
- ↑ Segundo Psdudo-Apolodoro (I, 7, 2), tamén se salvaron uns poucos que se refuxiaron nos cumios das montañas.
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
![]() |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Pandora ![]() |
Bibliografía[editar | editar a fonte]
- CARMONA MUELA, Juan: Iconografía clásica. Guía básica para estudiantes. Akal/Istmo, 5ª ed, 3ª reimpr. 2018.
- ELVIRA BARBA: Miguel Ángel: Arte y mito. Manual de iconografía clásica. Sílex, 3ª ed. 2017.
- GRIMAL, Pierre: Diccionario de mitología griega y romana. Ed. Paidós, 1981.
- HESÍODO: Teogonía. Trabajos y días. Escudo. Certamen, Alianza Editorial, 3ª ed., 2013 [a numeración segue a utilizada neste texto].
- Hixino: Fábulas mitológicas. Tradución, introdución e notas de Francisco Miguel del Rincón Sánchez. Alianza Editorial 2009.
- PSEUDO-APOLODORO: Biblioteca mitológica. Tradución e notas de Julia García Moreno. Alianza Editorial 3ª ed. 2016 [a numeración segue a utilizada neste texto].